Vilalba Aberta ven de acadar un amplo consenso plenario (10 votos a favor e 6 abstencións), ao respecto da súa última iniciativa, relativa ao nomeamento da Casa da Cultura de Vilalba como nova “Casa da Cultura Manuel María”.
Un resultado histórico, que permitirá a apertura dos trámites preceptivos e que, tal e como lembrou no Pleno a nosa vicevoceira María Xosé Fernández, “representa a culminación do traballo e das reiteradas demandas aos diferentes gobernos municipais de Vilalba, por parte do Bloque Nacionalista Galego, de Vilalba Aberta e sobre todo do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA)” ao que dende Vilalba Aberta consideramos como o verdadeiro artífice deste grande éxito.
A derradeira solicitude desta institución cultural chairega, presentada á actual Alcaldesa en escrito de data 9 de setembro de 2019, quince anos despois do pasamento de Manuel María, non recibira resposta e dende Vilalba Aberta non podemos estar máis orgullosos, en base á importancia do conseguido froito desta nosa terceira iniciativa presentada de cara ao Pleno Ordinario de hoxe.
O CANTOR DA TERRA CHÁ
Nado en Outeiro de Rei o 6 de outubro de 1929 e finado na Coruña o 8 de setembro de 2004 (día de Santa María patroa da Terra Chá e tamén de Vilalba), Manuel María foi un poeta, narrador, dramaturgo e académico, destacado e lembrado, ademais de pola calidade da súa extensa obra, polo seu compromiso coa nosa cultura e lingua propias, así como por ficar para a posteridade coma o primixenio cantor da Chaira.
Unha das razóns (nin moito menos a única) atopámola no seu libro titulado “Terra Chá”, publicado no ano 1954, pois deu nome á nosa comarca, e situou a Vilalba como capital da mesma.
Louvanzas ás zocas vilalbesas chamadas chinelas, aos queixos de San Simón, ao Castelo dos Andrade, aos poetas vilalbeses, á romaxe do San Ramón, festa á que adoitaba acudir na súa mocidade en bicicleta dende Outeiro de Rei, aos capóns vilalbeses, a amigos persoais de Vilalba… Multitude de artigos nos xornais con referencias a Vilalba e intervencións noutros medios audiovisuais co faro da Terra Chá por diante e da súa capitalidade, que o acolleu sempre con agarimo.
A este respecto, e como culminación de anos de continuadas mostras do seu amor ao noso pobo, en Febreiro de 2003 leu o discurso de ingreso como numerario da Real Academia Galega, elixindo el mesmo o Auditorio Municipal de Vilalba para se sentir rodeado e arroupado pola súa xente.
Hoxe, ao fin, se comezou a facer xustiza histórica cun persoeiro que nos deu tanto e que sempre levou a Vilalba no máis fondo do seu grande corazón.