Vilalba Aberta seguirá a facer presión ao respecto da necesidade de reverter os recortes de servizos no Centro de Saúde. Logo de sacar adiante unha iniciativa no Pleno que, a pesares do voto en contra do PP, obrigou ao Concello de Vilalba a instar á Xunta ao reforzamento da Atención Primaria no municipio; o noso Grupo Municipal ven de anunciar que lle dará continuidade ás accións reivindicativas iniciadas en Febreiro coincidindo coa tradicional feira.
“Denunciamos que non se cubran as baixas por xubilación; que dende Xuño haxa veciños/as sen médico de tarde; as esperas de ata 15 días para unha cita presencial ou telefónica e que os 2 cupos de pediatría estean sendo cubertos por médicos de familia”, explicou o noso voceiro municipal, Modesto Renda.
Así, lembrou que “ao desmantelamento dunha atención especializada” como a dos servizos de oftalmoloxía ou reumatoloxía, se lle sume o feito de que “dende hai tres anos non haxa servizo de oculista.”
Unha opinión compartida pola nosa compañeira e responsable de organización de VA, Mónica González, quen contextualizou os recortes no feito de que o Centro de Saúde de Vilalba conte con 11 cupos de profesionais de medicina de familia e comunitaria dos que “só están sendo cubertos 8.”
“A actual situación obriga a redistribuír os 3 cupos sen cubrir de pacientes, cun resultado de máis de 1.700 pacientes por profesional”, censurou González.
Así, denunciou que “en plena pandemia sanitaria”, o investimento en Atención Primaria aínda “sexa máis baixo que no ano 2020, 2 millóns de euros menos; 47 millóns de euros menos que no 2009.”
“Estamos á cola de todo o Estado (tan só o 12% do orzamento) máis de dous puntos menos que a media. Un tanto por cento que nin moito menos se aproxima ao 25% que aconsellan todos os estudos”, explicou.