Os concelleiros de Vilalba Aberta abandonaron onte o Pleno como resposta á conversión das iniciativas da oposición en simples rogos sen votación nin debate, en base ao ordeno e mando da Alcaldesa.
Un intento desesperado de silenciar á oposición, que tal e como explicou o noso voceiro municipal, Modesto Renda, “deixa en mas da alcaldesa e o seu goberno a decisión última de que temas se debaten e, o máis importante, de cales se votan e cales non.”
O noso edil, que cualificou a decisión de “atropelo democrático sen precedentes na historia do Concello de Vilalba”, lembrou que só existen “dous precedentes semellantes na provincia en máis de corenta anos de período democrático”.
OS VECIÑOS DAS PARROQUIAS E O VILALBA FUTBOL SALA, OS PERXUDICADOS
Das 6 iniciativas rexistradas en forma de moción por parte dos dous grupos da oposición (3 do PP e 3 de VA) a Alcaldesa botou abaixo 5, manténdose unha das de 3 de VA, tal e como explicou Renda “xustamente a única que non interpela ao goberno local, se non que se dirixe á Xunta ao respecto do Centro de Saúde.”
As outras dúas iniciativas de VA, isto é: a relativa á situación do Vilalba Fútbol Sala e a outra que, de aprobarse, abriría o paso a un investimento de 250.000€ na rede viaria de 8 parroquias, nin tan sequera se podían votar na propia sesión ordinaria.
O INFORME DE SECRETARÍA (NON VINCULANTE) DEIXABA O PODER DE DECISIÓN NA ALCALDESA
“O Grupo Municipal de Vilalba Aberta non vai tragar co seu intento vender coma unha cuestión de forma, o que é unha decisión política”. Así lle respondeu Modesto Renda á Alcaldesa, logo de que esta se parapetara nun informe – non vinculante – que non especificaba nin delimitaba nada en relación coas mocións presentadas e en cuxos antecedentes de feito, se sinalaba claramente que foi encargado pola propia alcaldesa, e por extensión, polo propio goberno municipal.
“Nin nos peores anos das maiorías absolutistas do PP se atreveron a chegar tan lonxe”, denunciou Renda.
DILIXENCIA PARA ACALAR Á OPOSICIÓN E PARÁLISE PARA RESOLVER OS PROBLEMAS REAIS DO CONCELLO
“Porque non piden un informe en relación cos orzamentos?” Así caricaturizou Renda a parálise municipal. Case catro anos de lexislatura, nos que o equipo de goberno nin tan sequera foi quen de presentar un simple borrador de presupostos sobre o cal comezar a traballar.
“VA tendeulles a man cinco veces, pero aínda así nada. Calquera goberno na súa situación tería dimitido en bloque; pero vostedes non. Vostedes prefiren gobernar coas contas do PP, levarse o soldo quentiño á casa e acalar a aqueles que o denunciamos e poñemos traballo enriba da mesa para intentar solucionalo”, censurou Renda.
UN GOBERNO DÉBIL QUE AMORDAZA NO CANTO DE NEGOCIAR E PACTAR CON VA
En palabras de Renda, o goberno en minoría do PSOE de Vilalba demostra día a día que é un goberno débil. “Un goberno forte traballa, un goberno forte acorda e un goberno forte debate con todos e de todo co fin de solucionar os problemas da veciñanza. Sen dogmatismos nin prexuízos e con valentía e seguridade en si mesmo e no seu proxecto”, declarou.
“Pola contra os gobernos débiles pechan filas, parapétanse, só eles teñen a razón e é por isto que censuran toda crítica e eliminan o debate.”
Renda, que recoñeceu nunca imaxinar que o PSOE se atrevera a rebasar tantas liñas, rematou a súa intervención lembrándolle á Alcaldesa “fronte súa mordaza, o noso traballo.”
“Non o esquezan nunca señora Veleiro, porque ese non o poderán calar”, concluíu.