Comunicados

Vilalba Aberta vén de trasladar o seu total apoio a Benito Portela, alcalde de Sada, e á organización municipalista Sadamaioría diante da moción de censura que un pacto entre tránsfugas acaba de levar a cabo.

Un apoio que materializaremos a través dunha proposta de declaración institucional de rexeitamento dunha manobra, o transfuguismo, que vai contra os principios democráticos e contra a vontade que a cidadanía expresa a través do seu voto.

Así, na sesión plenaria do 24 de novembro, procuraremos o apoio de todos os grupos ao goberno saínte encabezado por Benito Portela e a reprobación das nove persoas que impulsaron esta moción de censura, en tanto que reafirmación do Pleno do Concello de Vilalba no compromiso antitransfuguista.

Nesta liña se pronunciou hoxe a nosa vicevoceira municipal, Mª Xosé Fernández, definindo o transfuguismo como “unha das máis grandes ameazas da democracia municipal”, pois “mina a confianza na representación política e esixe ser combatida aló onde se presente.” Por iso agardamos que a nosa moción en apoio a Benito Portela saia aprobada por unanimidade.

Por último, lembrar que en maio de 2019, a lista de Benito Portela e Sadamaioría foi a máis votada (case un 30% dos sufraxios) e deu pé a un goberno transparente, participativo e cun alcalde sempre en contacto coa veciñanza. Un proxecto que mellorou a vida da xente de Sada e que agora se bota abaixo pola couza do transfuguismo.

 

Deixa unha resposta

O seu enderezo de correo electrónico non será publicado. Os campos obrigatorios están marcados con *

Deixar resposta