Vilalba Aberta cogobernará o Concello de Vilalba. Así o anunciou no día de hoxe o seu voceiro e Candidato á Alcaldía, Modesto Renda, no acto de presentación do Grupo Municipal da formación para o mandato 2023-2027.
“Hoxe poñemos fin a unha rolda de contactos que levou a Vilalba Aberta a falar coas tres formacións políticas con representación no Concello, isto é: PP, PSOE e BNG”, explicou.
Unhas negociacións que recoñeceu “difíciles, traballadas e longas” e das que resultou a conformación dun acordo de goberno no que propio Renda terá a Vicealcaldía e xestionará directamente o urbanismo, as infraestruturas e todas as obras nas parroquias, a mobilidade no casco urbano e o reto da ampliación do Polígono como responsable da nova área de Planeamento Industrial.
A número 2 de Vilalba Aberta, María Xosé Fernández, será a 4ª Tenente de Alcalde e xestionará Comercio, Turismo e Promoción da Lingua e a nova concelleira da formación, a traballadora autónoma Tamara Rodríguez, farase cargo de Cultura.
MODESTO RENDA: “LOITAMOS ATA O ÚLTIMO MOMENTO POLA ALCALDÍA; PERO SEN O APOIO DO BNG RESULTOU IMPOSIBLE”
Tal e como explicou Renda, o obxectivo foi ata o último momento a Alcaldía e para iso trasladaron ao BNG unha proposta de acordo para a súa investidura; pero “lexitimamente o BNG decidiu non elixir entre o PSOE e VA”. Así, e logo da negativa tamén do PSOE a propoñer outra candidata/o que non fora a anterior Alcaldesa e cun goberno en minoría e inestable do PP “ás portas”, Vilalba Aberta fixo unha última proposta para o desbloqueo coa “conformación dun goberno amplo e estable, alternativo ao goberno en minoría do Partido Popular” como obxectivo.
NON PASAR DUN GOBERNO INESTABLE E EN MINORÍA DO PSOE A UN GOBERNO INESTABLE E EN MINORÍA DO PP
“Os veciños/as de Vilalba xa sufriron na última lexislatura as consecuencias da inestabilidade municipal que se deriva dun goberno en minoría e era a nosa responsabilidade evitar que volvera acontecer o mesmo”, lembrou.
Un argumento incontestable, pois se o PP gobernara como pretendía en solitario, faríao en minoría e só un executivo respaldado polo voto de “ao menos “9 concelleiros” (o BNG apoiará dende fóra) conta coa forza necesaria para acometer os desafíos que “o goberno en minoría do PSOE deixou no mesmo punto que estaban co PP”, remarcou.
RENDA XESTIONARÁ DIRECTAMENTE AS ÁREAS NAS QUE MÁIS DURO FOI NA OPOSICIÓN AO GOBERNO DO PSOE
“Só un cambio de rumbo que sexa quen de ilusionar e dar resposta dende o día a día da acción de goberno aos problemas dos vilalbeses/as pode evitar a volta do PP”, declarou Renda. “A veciñanza votou cambio; pero non lle deu ao PP a maioría absoluta para lideralo. Vilalba Aberta foi a formación política que máis medrou (+616 votos fronte aos +424 do PP) e é por isto que asumimos xustamente aquelas áreas nas que máis combatemos ao PSOE dende a oposición”, explicou.
“Vilalba Aberta no entende a política como o arte de agardar e ver pasar as cousas dende a barreira. Nós mollámonos, arriscamos e asumimos responsabilidades. Chegou o momento de demostrar que, máis alá de predicar, sabemos dar trigo e non podemos agardar o intre de comezar a traballar”, declarou.
A VICEALCALDÍA COMO GARANTE DE QUE NON SE REPITA O QUE ACONTECEU NA ANTERIOR LEXISLATURA
Así mesmo, dende Vilalba Aberta consideran que con Modesto Renda na Vicealcaldía garantirase, tamén, a necesaria lealdade entre socios de goberno “como base da estabilidade institucional que precisa o Concello”.
Un argumento que Mª Xosé Fernández non quixo deixar pasar por alto, pois, outro dos obxectivos da formación é asegurar que a cogobernanza permita a Vilalba Aberta traballar e centrarse só en solucionar os problemas dos veciños.