Proposta 1. Compromiso coa ampliación do chan industrial, en base ao interese de varias empresas por asentarse no noso Concello e ao afán por conseguir que outras dean ese paso. Ao carón do Polígono hai 300.000m2 que lograron da Xunta a consideración de Área de Expansión de Galicia, polo que nin tan sequera sería precisa unha modificación das normas urbanísticas.
A este respecto, garantir a futura produtividade e evitar a compravenda de parcelas que logo non teñan actividade industrial nin comercial ou que, segundo se acabe de construír unha nave, o propietario/a a alugue a terceiros, sen que se poña en marcha ningún proxecto empresarial; será unha prioridade municipal.
Proposta 2. Negociación dun acceso directo do Polígono coa autovía do Cantábrico, co fin de darlle un mellor servizo e incentivar que cada vez máis empresas fixen o seu centro de produción en Vilalba. A nosa condición de privilexiada encrucillada de camiños viuse reforzada pola construción da transcantábrica (A-8) e da autovía Ferrol-Vilalba (AG-64). Unha realidade, que levou ao asociacionismo empresarial de Vilalba a solicitar un acceso directo coa autovía do Cantábrico. A medida, mesmo foi apoiada en Pleno, mais sen verse ningún avance ata o de agora.
Vilalba atópase nunha inmellorable localización e hai que actuar nese sentido.
Proposta 3. Creación dunha liña anual de bonificacións fiscais para a contratación á Pequena e Mediana Empresa. Unha medida fiscal nunca antes explorada no noso Concello, mais de contrastada eficacia á hora de fixar poboación.
Existen numerosos exemplos de Concellos rurais e semirurais nos que se levaron a cabo programas de axuda á contratación de mozas e mozos da localidade, bonificando fiscalmente á súa pequena e mediana empresa. Este tipo de medidas, foron aplaudidas e contaron cada vez con máis beneficiarios, pois alá onde se puxeron en práctica, axudaron á xente nova á hora de conseguir un traballo, evitando que tivesen que emigrar ou trasladarse.
Proposta 4. Plan Municipal para o Retorno da Mocidade. Unha iniciativa, dirixida a facilitar o regreso da mocidade vilalbesa que reside e traballa no exterior. Mozas e mozos que tiveron que marchar en busca de oportunidades laborais e que, nos máis dos casos, están a desenvolver unha importante traxectoria laboral noutros Concellos, xerando un capital humano altamente valioso.
Neste senso, e entendendo que captar este capital humano resulta fundamental para o desenvolvemento económico e social do Concello de Vilalba, para a rexeneración do noso tecido empresarial e para a atracción de novas oportunidades de negocio e emprego de calidade; as actuacións que lle darían forma serían as seguintes:
- A Convocatoria dunha liña de axudas para o Retorno da Mocidade ao Concello de Vilalba, dotada cun orzamento total de 127.840€ destinados a axudar durante 4 anos ás empresas e emprendedores vilalbeses (ou con centro de traballo en Vilalba), así coma ao conxunto da mocidade vilalbesa que decida volver. O 50% do seu financiamento, sairá do que se aforrarán as nosas arcas municipais, en base á limitación salarial imposta ao noso Candidato á Alcaldía e que suporá un aforro de 15.980€ por cada ano de lexislatura.
Os custos subvencionables afectarán sobre o salario e os custos da Seguridade Social, en cálculo anual, con excepción da remuneración en especie, períodos e gastos de locomoción. A este respecto, estableceríanse tres liñas de axudas diferenciadas:
- A primeira estaría destinada a apoiar economicamente ás empresas con centro de traballo no Concello que contraten, a xornada completa e por un mínimo de dous anos, aos mozos e mozas retornados para o desenvolvemento dun novo proxecto ou a ampliación dun xa existente no ámbito da innovación, o financiamento, a internacionalización, as industrias culturais e creativas ou a economía circular.
- A segunda liña fomentaría a posta en marcha de proxectos empresariais no Concello de Vilalba promovidos polos propios retornados, que acheguen un valor engadido ao tecido empresarial vilalbés e ao desenvolvemento económico e social da nosa vila e parroquias.
- A terceira liña, condicionada á concesión da primeira ou segunda liña, estaría enfocada a minimizar os gastos asociados ao retorno: desprazamento, mudanza, aloxamento, entre outros…
- Posta en marcha dunha Plataforma Web que facilite a comunicación entre a mocidade que quere volver, as empresas vilalbesas e o propio Concello. Nesta páxina poderíanse consultar as distintas ofertas de emprego das empresas que participan no Plan e que buscan profesionais cualificados para formar parte do seu persoal. O obxectivo sería facilitar aos retornados/as a procura de emprego e reinserción laboral, ofrecéndolles a información máis exhaustiva das distintas vacantes. Todas as ofertas de emprego pasarían por un departamento de control que avaliaría o cumprimento de todos os requisitos para participar, así coma que as empresas estean en disposición de ofrecer as condicións laborais esixidas.
- Creación dun Selo de Empresa colaboradora co Plan Municipal de Retorno do Talento, que dea visibilidade ás entidades que colaboran coa iniciativa. O tecido empresarial vilalbés é imprescindible para conseguir o desenvolvemento socioeconómico do noso Concello, a xeración de emprego de calidade e o aumento da capacidade de retención e retorno do talento que converta a Vilalba nun Concello moderno, intelixente e sustentable. Neste senso, a posibilidade dun recoñecemento futuro ao papel esencial que xogará tamén no desenvolvemento efectivo do plan, requirirá do Concello ofrecerlle a lóxica visibilidade, a través dun selo de colaborador, ás empresas que cooperen coa iniciativa, contratando a mozos/as cualificados que queiran volver a Vilalba.
Proposta 5. Nova ordenanza de tramitación, co fin de reducir e simplificar os trámites para a obtención de licenzas de actividade, funcionamento, obras, etc.. Ningunha traba (sempre e cando o emprendedor/a se manteña no marco da estrita legalidade) para a creación de novas empresas e/ou o impulso de actividades emprendedoras.
Proposta 6. Elaboración dun catálogo de propiedades municipais susceptibles de xerar actividade económica e emprego, para ofertalos a PEMES e/ou emprendedores/as locais. O Goberno Municipal chegou a recoñecer en Pleno a existencia de entre 7 e 9 infraestruturas de titularidade municipal en desuso no Concello. Para poñelas a producir delimitaríamos:
- A posta en marcha dun concurso de ideas no cal, a través dunha comisión transparente e pública, se ditaminarían os beneficiarios últimos da iniciativa.
- A formalización da posterior transferencia temporal, pola vía dun contrato de aluguer caracterizado pola única limitación do máis estrito cumprimento dos dereitos laborais e o fomento do emprego digno (no caso de haber empregados/as), fiscalizándose este aspecto a través dun protocolo de avaliación municipal contrastada, na que participarían os seus propios traballadores/as.
Proposta 7. Vincular a execución da nova fase do Polígono Industrial á construción dun Espazo de Coworking, isto é: un espazo físico de titularidade municipal dirixido á promoción das iniciativas emprendedoras que combine a utilización de despachos co asesoramento na xestión empresarial e a prestación duns servizos comúns para cubrir as necesidades básicas de novas empresas durante os primeiros anos da súa vida, mediante o pago dun prezo público.
Porque ter unha oficina propia, cunha boa conexión a Internet e con todas as comodidades que se necesitan para traballar cada día é algo inasumible para moitos mozos/as emprendedores, que se ven obrigados a montar a oficina nas súas propias casas. Diante desta demanda de sitios nos que fundar unha empresa propia, xorden os espazos Coworking, ou o que é o mesmo, unha alternativa económica ao aluguer dun local individual. Un concepto que revolucionou xa o emprego tradicional en numerosas vilas e cidades galegas e que importaremos tamén a Vilalba, a través do seguintes condicionantes:
- O importe mensual do prezo público será o resultado de multiplicar o número de metros cadrados do despacho autorizado, cos seus dous primeiros decimais, por 2 euros durante os doce primeiros meses de ocupación do despacho e por 6 euros a partir do decimoterceiro mes.
- Cando a persoa ou a maioría das persoas promotoras do proxecto empresarial ou da entidade mercantil que acceda a un despacho sexan mulleres, aplicaráselles unha bonificación do prezo público a abonar nun 20 % mensual. Esta bonificación ten como obxecto promover a iniciativa empresarial da muller e a igualdade de xénero, coa finalidade de contribuír á creación de emprego e á integración definitiva das mulleres, en situación de plena igualdade, na familia, na sociedade e no mundo laboral, o que, en definitiva, pode conducir á consecución dun crecemento económico inclusivo e sustentable.
Proposta 8. Creación da Concellería de Planificación Económica, Emprego e Emprendemento, co fin de centralizar toda estratexia municipal relacionada co desenvolvemento económico e/ou políticas de emprego. Diferirá completamente da actual, sendo moito máis proactiva, potenciando a relación cordial e colaborativa co noso tecido empresarial, desburocratizando o actual modelo de intermediación clientelar e cunha dotación orzamentaria que a converta nun instrumento eficaz para lograr unha maior implantación de actividade económica no Concello coa consecuente creación de postos de traballo que isto implicaría.
A través da mesma executaríase o seguinte marco de accións:
- Reformulación da Oficina de Emprego Local. Formación e reciclaxe permanente do persoal técnico municipal e dos proxectos en materias de innovación empresarial, consolidación, cooperativismo e formación de persoas desempregadas. Facer do Concello a entidade de referencia no que ten que ver coa orientación laboral.
- Convocatoria dunha Oferta Pública de Emprego con carácter anual, garantíndose a máis estrita igualdade de oportunidades en relación ao acceso ás prazas anunciadas.
- Reorientación das políticas de formación para o emprego, mediante a adecuación dos procesos formativos á realidade económica do Concello e á demanda do empresariado local.
Proposta 9. Promoción do Comercio Local, pola vía da prioridade municipal no que ten que ver co seu fomento e consolidación. O Concello debe poñerse inmediatamente ao servizo do pequeno e mediano comercio de Vilalba, en base ao seguinte marco de actuacións:
- Impulsar, en colaboración coa Asociación de Empresarios e os comerciantes da vila, o Centro Comercial Aberto de Vilalba. Unha iniciativa, cuxo éxito e rendibilidade foi contrastada xa en numerosas vilas de Galicia e do Estado, e onde o pequeno e mediano comercio local se articula co apoio do Concello nun proxecto de urbanismo comercial, potenciando a fidelización da clientela. Unha agrupación de establecementos comerciais, hostaleiros e doutras actividades, que ofrecen cada día o mellor de si mesmos para encher de vitalidade e dinamismo as súas vilas, unidos nunha organización e baixo unha marca que nace para desenvolver accións e servizos que beneficien ao asociado e ao consumidor.
Xorde como reacción ante a proliferación de centros comerciais pechados e grandes superficies e ante o cambio producido nos hábitos de compra dos consumidores/as. O obxectivo prioritario do Centro Comercial Aberto é, neste sentido, o de converterse nun polo de atracción comercial e de servizos complementarios, tanto da vila coma das parroquias e a contorna, promovendo a variada oferta turística de Vilalba, así como o perfecto funcionamento dos servizos prestados polas empresas acollidas no seu seo.
- Campaña Municipal en Nadal “Nestas festas e todo o ano, consume Comercio Local” para o incentivo das compras nos comercios e tendas da vila, en tanto que que se ese diñeiro permanece no Concello, estará a se reinvestir en Vilalba, máis se cabe nunhas datas onde o consumo se dispara.
- Promover da man da Asociación de Empresarios un Bono do Comercio Local, con fin de incentivar e fidelizar as compras na vila.
- Potenciar e apoiar as estratexias colaborativas entre os comerciantes.
Proposta 10. Aposta decidida polas feiras e mercados municipais, revitalización da Feira do Capón e poñer a producir o Mercado de Abastos da Praza da Constitución, pola vía da modificación da actual ordenanza reguladora. Recuperación da antiga concepción de Vilalba, coma encrucillada de camiños, e na que as xentes da contorna se daban cita para mercar e socializar coa veciñanza de vila e parroquias. Neste senso, e ademais de reforzar as feiras mensuais e os mercados que se veñen celebrando e profundar na potenciación da Festa do Queixo de San Simón da Costa; traballaremos da man de criadores e comerciantes na revitalización do evento que honra e prestixia o noso outro máis típico produto: A sobranceira Feira do Capón de Vilalba.
A este respecto, as accións que levaremos a cabo para cumprir cos anteditos obxectivos serán as seguintes:
- Rectificación na decisión de trasladar ao 15 postos á localización da Praza da Constitución e proceder á recolocación dos expositores que ata, este ano se situaban na marxe esquerda da Rúa do Calvario, no espazo actualmente en desuso do Recinto Feiral Municipal (dous dos seus tres cobertizos construídos están feira tras feira baleiros). Unha solución á necesidade de aliviar a Rúa do Calvario e deixala con máis espazo para un mellor tránsito no caso de que se produzan emerxencias que, sendo totalmente acorde coa concepción orixinaria do Campo da Feira, redundaría positivamente nos intereses de comerciantes, vendedores, así coma tamén nos do conxunto dunha veciñanza e visitantes, cuxa comodidade estaría asegurada de se revitalizar o percorrido primixenio que se pensou no momento mesmo do deseño e posterior construción dunha localización que, entre todas/os, temos o deber de preservar.
- Promoción e revitalización do Mercado de Abastos. A praza de abastos de Vilalba non vive os seus mellores momentos. A reforma realizada hai tres anos, cun investimento de 200.000 euros, contrasta co feito de que só queda un dos catro postos que funcionaban cando as instalacións foron arranxadas e os negocios se trasladaron da planta baixa. Que aos comerciantes lles pode interesar a vitalidade dunha praza de abastos, obsérvase comprobando como noutros lugares, sexan vilas ou cidades, hai asociacións que agrupan aos donos dos negocios. Que se poden buscar novas vías parece comprobarse, á marxe dos resultados, en localidades onde as prazas de abastos se reformaron e os postos abríndose a máis sectores que o de alimentación.
Neste senso, o marco de actuacións que contemplamos é o seguinte:
- Facilitar o acceso de novos praceiros/as aos postos do Mercado de Abastos Municipal. Para isto propoñemos unha modificación da ordenanza reguladora do servizo de mercados, mantendo os tres tipos de postos fixos, mais pasado a pagar os arrendatarios respectivamente, ao mes, de 10 a 3€, de 7 a 2€, e de 4 a 1 euros por cada metro cadrado ocupado. Tamén seguiremos mantendo a posible presenza de vendedores eventuais, mais estes estarán exentos de pagar por metro lineal cada día que acudan. Os primeiros tempos están exentos de pago, pois a modificación da ordenanza permitirá que os vendedores que necesiten afrontar uns gastos antes de empezar a súa actividade – segundo o investimento realizado (1.000 euros ou menos, de 1.000 a 1.500 ou máis de 1.500) – se vexan beneficiados por unha exención do pago decretada polo Concello que durará dous anos, dous e medio e tres anos respectivamente.
- Facer da Paza de Abastos o centro da nova Plataforma de Distribución Directa de Produtos Ecolóxicos e de Proximidade (que figurará no noso Programa Electoral das Parroquias) quedando os veciños vendedores/as (tanto fixos coma eventuais) deste tipo de produtos exentos de pagar por metro lineal cada día que acudan.
- Permitir e potenciar a diversificación de funcións, incluíndo unha oferta que vaia máis alá da venda exclusiva de alimentos perecedoiros, como carnes, peixes, froitas, verduras ou hortalizas. Facer do Mercado un lugar vivo onde os veciños/as poidan ir comprar a postos tradicionais de alimentación como ata agora pero tamén a comer, a tomar un café ou o aperitivo, mercar artesanía, degustar produtos frescos ou a asistir a unha cata ou a unha charla sobre o mundo do viño, por exemplo.
- Permitir e bonificar, quedando ese tramo exento de pago por metro lineal, a apertura en horario de tardes polo menos un par de días por semana, o que ao xuízo de antigos praceiros favorecería a chegada de clientes novos que, polo seu horario laboral, non poden comprar polas mañás.
- Prioridade municipal, tamén, para outras demandas sinaladas polos antigos praceiros no que ten que ver co acondicionamento das instalacións e a mellora das condicións de confort interno; a eliminación das barreiras arquitectónicas para facilitar o tránsito das persoas con mobilidade reducida; o correcto e continuado mantemento ou a organización municipal de máis actividades para dinamizar as vendas.
- Apoiar e reforzar as iniciativas que leven a cabo os praceiros/as para dinamizar o propio mercado e atraer a nova clientela.
- Procurar un acordo coa Asociación de Criadores, a fin de facer compatible a súa seguridade económica coa revitalización da Feira do Capón. Un cambio, que representaría un verdadeiro impulso, tamén, para o conxunto do comercio, ao tempo que botaría abaixo o actual risco de desprestixio no que pode chegar a caer a marca e que, iso si, repercutiría negativamente tanto nos intereses dos criadores coma nos do conxunto de comerciantes e veciños/as.
A este respecto, os elementos para o necesario debate que coma Goberno Municipal poremos enriba da mesa na nosa negociación cos criadores serán os seguintes:
- A apertura da feira ás 11:00h
- A posibilidade de fixar un número determinado de pares por criador, destinados a venda exclusiva en exposición.
- Entendendo que hai anos era obrigatorio levar os capóns á feira para poñerlles o distintivo, a posibilidade de non se entregar a antedita chapa de no acudir o criador/a á Feira.
Proposta 11. Estratexia Municipal do Turismo 2019/2027. Unha iniciativa baseada na colaboración público-privada que, tomando en consideración as propias potencialidades de vila e parroquias, contemple coma horizonte a medio prazo facer do Concello de Vilalba o destino líder do turismo de interior na Provincia de Lugo, a través dunha oferta conxunta que aglutine os nosos recursos culturais, artísticos e gastronómicos, e que se proxecte aberta aos espazos territoriais comarcais máis próximos.
Cos ollos postos neste obxectivo, estrutúrase en base aos seguintes eixos de actuación:
- Facilitar a colaboración profesional do sector, a través dunha política activa de coordinación municipal coa creación da “Mesa Municipal do Turismo”.
- Reforzar o posicionamento no mercado dos produtos vinculados á nosa oferta turística propoñéndolle aos profesionais do sector a implicación municipal na ampliación da actual oferta de eventos/feiras anuais ou o aproveitamento dos acontecementos culturais e deportivos de maior relevancia para a comercialización de paquetes turísticos.
- Reforzar o posicionamento turístico do Concello e facilitar a comercialización dos produtos que conforman a nosa oferta turística, potenciando, a presenza de Vilalba nas comunidades de viaxeiros e asinando acordos de comercialización con axencias e operadores turísticos en liña.
- Reformulación total da Oficina de Turismo, mellorando a súa sinalización, aumentando o persoal dependente e reforzándoa a nivel orzamentario.
- Deseño e posta en marcha da App “Benvidos a Vilalba”, unha aplicación móbil que ofreza, en galego, castelán e inglés, todo o necesario para desfrutar ao máximo da nosa vila e parroquias; a información esencial para preparar a viaxe, o que o visitante non se pode perder, información xeolocalizada sobre puntos de interese (museos, monumentos, parques, restaurantes, tendas, locais de lecer nocturno…), consellos turísticos e unha completa e actualizada axenda.
- Creación de novas rutas turísticas guiadas á altura do noso patrimonio cultural, arquitectónico e ambiental. Liderar, en tanto que capitalidade comarcal, a posta en marcha de novos proxectos de rutas turísticas, tamén, no contexto comarcal e en colaboración cos concellos da contorna. Sirva coma exemplo a posibilidade de vincular unha visita á Torre de Caldaloba ou á lagoa de Cospeito, coa posta en valor da Pena Grande, a Roza das Modias e/ou dos nosos cemiterios neogóticos, entre outros.
- Transversalidade. O turismo non debe entenderse só como un obxectivo de seu, senón coma o resultado dunha imaxe de concello a transmitir. A mobilidade, a aposta pola peonalización, a preservación do noso patrimonio e os usos, a creatividade ou os produtos turísticos a desenvolver, serán abordados dende unha perspectiva transversal e multidisciplinar.
Esta moi ben. Sen embargo vexo poucas medidas pensadas para o rural. Ter en conta que este é clave, tamén na economia.
Grazas José! Con respecto ao do rural, estamos a piques de presentar o Programa Electoral das Parroquias. Un Sub-Programa que se entregará á veciñanza coma un anexo ao Programa Electoral. Unha medida que suporá, por primeira vez na historia do Concello de Vilalba, que as Parroquias teñan un programa electoral propio, ademais do establecido para as mesmas no Programa Electoral Xeral.