Antes da presentación do noso Programa Económico ao completo, seguimos a facer públicas as diferentes medidas e propostas que darán forma ao noso Programa, no relativo, tamén, a urbanismo e mobilidade.
Tres días despois de presentar diante da veciñanza o noso Plan de Peonalización progresiva para a zona vella, vimos de anunciar unha nova proposta, neste caso encamiñada á regulación do estacionamento na Rúa da Pravia.
Tal e como se recolle no noso Programa, trátase dunha fórmula de control que procura a necesaria mobilidade a través dun sistema de lectura de discos – utilizado xa noutros municipios – fixándose para o mesmo un tempo máximo de estacionamento de 90 minutos e a partir do cal se daría pé a unha sanción. Unha medida, que dende Vilalba Aberta, lembramos, poderá levarse a cabo a través da ampliación do plantel da Policía Local e/ou pola vía da anunciada contratación de auxiliares.
Na mesma liña, recalcamos que a intención da mesma non é outra que a de optimizar as prazas de estacionamento, pois a iniciativa en ningún caso ten fins recaudatorios, tal e como se encargou de subliñar na súa declaración á prensa o noso compañeiro e Candidato á Alcaldía, Modesto Renda.
A medida implantaríase ao longo da citada vía, a ambas as marxes da calzada e precisaría, para facerse efectiva, da instalación de sinais e da distribución dos típicos reloxos para programar a hora, polo que no programa de Vilalba Aberta non se fala dun prazo concreto para a entrada en vigor do sistema.
En canto aos sinais verticais, a nosa proposta prevé a súa colocación nos extremos da rúa para informar os condutores do cambio.
Na súas declaracións á prensa, Modesto Renda, explicou que “a medida figurará no programa, en base ao proposto pola veciñanza no Programa Participativo” e á boa acollida que esta tivo despois de realizar, o mesmo, “unha pequena sondaxe entre residentes e comerciantes.”
“Coa adopción desta medida desbloquearíanse os problemas para estacionar e favoreceríase ao comercio e aos negocios locais, ao tempo que se melloraría a calidade de vida dos veciños/as e residentes.” remarcou.
A este respecto, o Candidato de Vilalba Aberta, lembrou tamén que varias localidades galegas poñen en práctica xa sistemas gratuítos para regular o estacionamento nos que se utiliza o modelo de control que propoñemos. Así, dende As Pontes ata Carballo, O Grove ou A Guarda, a mobilidade de vehículos procúrase a través dun sistema de lectura de discos de estacionamento.
TEMPO DE ESTACIONAMENTO
Ao respecto do tempo establecido, dende Vilalba Aberta entendemos que os 90 minutos que se autorizarían, deberían resultar suficientes para facer as compras ou realizar as xestións nos diferentes negocios e bancos que se distribúen ao longo da céntrica rúa.
SANCIÓNS
Aínda que a restrición non ten afán recaudatorio, senón disuasorio, a normativa prevista por Vilalba Aberta, establece multas de entre 50 e 70 euros, segundo a gravidade e tipoloxía da infracción, para aqueles que aparquen sen o disco ou non respecten a delimitación horaria. Estas cantidades veríanse reducidas á metade de se abonar no prazo voluntario dos 20 días posteriores á notificación.