María Xosé Lamas Fernández.
Aquel sete de marzo do dous mil quince, reunímonos no salón de actos da Biblioteca Municipal da vila máis de medio cento de persoas convocadas co fin de crear unha formación cidadá de carácter asembleario que servise de alternativa política nas futuras eleccións municipais.
Confluíron naquela xuntanza diferentes ideoloxías, tanto pertencentes a partidos políticos consolidados como independentes, que tiñan en común a preocupación pola gobernabilidade do noso concello dun xeito democrático coa participación activa da cidadanía, ademais da defensa da lingua e cultura de noso.
De aí naceu Vilalba Aberta, despois dun parto – non sen dor – no que ficaron fóra da formación persoas moi válidas e que durante moito tempo loitaron por una Vilalba mellor, mais que sostiñan ideas e procederes diferentes – de todo xeito respectábeis – que lles impediron continuar na dinámica emprendida.
Nese mesmo ano, Vilalba Aberta consigue un representante no Concello nas eleccións municipais, Modesto Renda Santiso, cabeza de lista pola nova formación, que durante unha lexislatura soubo levar ao goberno municipal as inquedanzas da cidadanía acordadas nas múltiples asembleas que se mantiveron durante eses primeiros catro anos. Nas seguintes, o noso traballo seguiu dando froito e os votos dos vilalbeses concedéronnos outra representante máis, María Xosé Fernández Pardo.
Os resultados das eleccións municipais propiciaron que Vilalba Aberta se convertese na chave do goberno apoiando a investidura da representante do partido socialista (o máis votado) mediante un acordo entre as dúas formacións políticas no que o noso cabeza de lista sustentaría o cargo de Concelleiro da área de Comercio e Turismo. E así foi durante o primeiro ano, mais a agrupación socialista decidiu rachar o pacto.
Asía as cousas, e como inicialmente, Vilalba Aberta segue a ser a espiña que fai sangue co seu proceder ante o “desgoberno” municipal que estamos a sufrir todos e todas os e as vilalbeses e vilalbesas cunha oposición responsábel e directa na que non nos doen prendas á hora de chamar aos feitos polo seu nome.
Pero non só ficamos na crítica; Vilalba Aberta aporta alternativas susceptíbeis de seren levadas a cabo das que o partido do goberno se aproveita en ocasións, e sempre a destempo, para facelas propias. Mágoa, doutra banda, que non se sustentase máis nas nosas iniciativas para gobernar o concello como procedería. Pero non é momento agora de mágoas nin de queixas, tampouco de amosar o moito traballo que nos diferentes eidos temos realizado encol da nosa comunidade. É tempo de respirar fondo, coller alento para seguir adiante amparados por todos os éxitos acadados neste noso sexto aniversario.
Parabéns, compañeirxs!