Vilalba Aberta defenderá no vindeiro Pleno Ordinario que a aplicación orzamentaria do Fondo de Compensación Ambiental – que financia o Canon Eólico – reverta directamente nas parroquias, no que resta de lexislatura. Unha proposta que dende o noso Grupo Municipal se entende como “prioritaria e de xustiza” e que figuraba xa no acordo de mínimos entre PSOE e Vilalba Aberta, sen que fora respectada no contexto do Goberno de Coalición.
Os fondos, arredor de 200.000€ por anualidade transferidos pola Xunta aos municipios en función da cantidade de aeroxeradores instalados no seu territorio e da lonxitude das liñas de evacuación da enerxía xerada nos parques, permitirían así que as 29 parroquias de Vilalba puideran verse beneficiadas de importantes actuacións de competencia municipal, tales como a necesaria rexeneración da rede abastecemento; a adquisición de maquinaria destinada ao mantemento e á roza; así como a melloras no conxunto do sistema de alumeado público e da xestión de residuos, entre outros.
Tal e como lembrou o noso voceiro municipal, Modesto Renda, “a filosofía que inspira o decreto do canon e que insta a mellorar as zonas nas que se sitúan os parques eólicos, así como as localizacións que ven afectadas polo traballo diario das compañías, implica que as parroquias deben ser as beneficiarias”.
É por isto que, ao tempo que lamentou que os fondos relativos á pasada anualidade se destinaran “unha vez máis” a unha actuación urbanística no seno do casco urbano; reivindicou a importancia dunha iniciativa “encamiñada a comezar a pór fin a décadas de políticas de reparto de fondos desiguais para o rural”, pola vía de “asumir a importancia estratéxica dunhas parroquias, que deben volver a ser o eixo sobre o que se vertebre o noso Concello”.