Vilalba Aberta segue a facer presión diante da inacción municipal, en relación coa necesaria aprobación duns Orzamentos Municipais. Unhas novas contas, que tal e como explicou o noso voceiro municipal, Modesto Renda, son “inaprazables”, en tanto que “das mesmas dependen dende as políticas para autónomos ata as inversións comprometidas nas parroquias, pasando pola licitación de contrato de servizos públicos fundamentais, tales como o de recollida de lixo e limpeza viaria no Concello de Vilalba”
Neste senso, e ao tempo que definiu de “incomprensible” e de “política de abandono” o feito de que, a finais de ano, nada se saiba ao respecto, “máis alá de que o equipo de goberno nin tan sequera fora quen de pechar a conta xeral”; cualificou de “erro” a estratexia socialista de gobernar “por decreto e de costas á veciñanza que votou cambio”, co orzamento do PP por deixamento.
“Peno Ordinario tras Pleno Ordinario, o equipo de Goberno tómalle o pelo tanto aos grupos da oposición como ao conxunto dos veciños/as de vila e parroquias, ao falar da súa vontade de chegar a acordos, cando logo de ano e medio de lexislatura, seguimos sen contar cun simple borrador sobre o cal poder comezar a traballar.” Censurou.
Unha realidade municipal e de goberno diante da que, ao xuízo de Renda só caben dúas opcións: “Ou que o Goberno Municipal, do mesmo xeito que acontece coa conta xeral, sexa incapaz presentar unha proposta de Orzamentos, ou que o preconizado cambio do PSdeG fora finalmente gobernar por decreto cos Orzamentos do PP, diante dos que o Grupo Municipal Socialista votou en contra en Maio de 2019.”
OS AUTÓNOMOS E AS PARROQUIAS, OS PRINCIPAIS PERXUDICADOS
Dende Vilalba Aberta alertamos, así mesmo, das consecuencias directas que, de persistir, a actual situación de parálise terá no curto e medio prazo. A este respecto, o noso voceiro incidiu moi especialmente na necesidade de “cumprir con aqueles veciños/as que desenvolven os seus proxectos de vida nas parroquias”, así como con aqueles que “dependen economicamente da supervivencia de sectores produtivos, tales como o comercio, a hostalería e o sector servizos nun contexto tan complicado como o que xerou a crise económica e social derivada da aparición do virus, co agravante do recente peche perimetral.”
“Prorrogar os orzamentos do PP é negativamente decisivo tamén en termos de políticas de inversión e gasto público pois non haberá apenas marxe para executar, o que se traduciría nun ano perdido para Vilalba, xusto no peor momento.” Remarcou.
UNS NOVOS ORZAMENTOS MUNICIPAIS: CONDICIÓN INDISPENSABLE DE CARA Á RENOVACIÓN DO CONTRATO DE RECOLLIDA DE LIXO NOS TERMOS COMPROMETIDOS
Dende Vilalba Aberta censuramos tamén a lentitude municipal, en relación co proceso de renovación do contrato “dun servizo público fundamental”, isto é: o de limpeza, recollida domiciliaria de lixo, subministro-distribución e mantemento de recipientes normalizados e transporte de residuos no Concello de Vilalba.
Unha concesión da que, dende o 29 de Setembro do 2000, é beneficiaria a empresa URBASER, que rematou no pasado mes de Outubro e que, logo dunha serie de anuncios baleiros en prensa, segue aínda pendente.
“Inacción e ausencia de determinación, como sinais de identidade nun contexto de minoría na corporación, que debería esixir dun especial esforzo por chegar a acordos co resto de forzas políticas, nomeadamente cun Grupo Municipal, o de Vilalba Aberta, que tivo, ten e terá sempre a man tendida co obxectivo de poñer dunha vez a funcionar este Concello.” Sentenciou Renda.