O chamado “fondo solidario” e as axudas para a adquisición libros de texto convocadas pola Xunta, non están a impedir as dificultades de moitas familias vilalbesas para acceder ao conxunto do material establecido polos centros.
Propoñemos unha axuda en forma de bonos a trocar tan só en establecementos do municipio, a fin de favorecer tamén ao pequeno comercio local.
Dende a asemblea de Vilalba Aberta vimos de facer público que trasladaremos ao Goberno Municipal a urxencia da posta en marcha por parte do Concello dunha liña de axudas municipal, co fin de facilitar o acceso ao material educativo para as familias que así o necesiten.
Unha iniciativa, que xorde froito da situación de desamparo de varios veciños/as, así coma da comprobada ineficacia de medidas coma o chamado “Fondo Solidario”, ou a, máis recente, convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto, ámbalas dúas promovidas dende a Xunta de Galicia e que non están a impedir as dificultades ás que moitas familias vilalbesas se teñen que enfrontar para acceder ao conxunto do material establecido polos centros.
A este respecto, un criterio obxectivo como a renda per cápita, sería para nós o máis acertado, en tanto que prioriza naquelas familias que menores ingresos teñen, isto é; ás que se lles supón máis dificultade para afrontar a volta ao colexio.
Porque para a nosa asemblea non se trata dunha axuda ou subvención de carácter asistencial, senón que se proxecta coma unha medida de carácter universal, destinada tanto ao apoio e fomento dunha educación pública de calidade, como ao fortalecemento e defensa do pequeno comercio local e consecuentemente ao reforzo da actividade económica no concello.
Neste sentido, remarcar que a proposta que este luns faremos chegar ao Alcalde, non versará sobor dunha liña de axudas en metálico, senón en forma de bonos a trocar, só en establecementos do municipio, polo material escolar e cuxo abono final por parte do Concello aos establecementos, deberá realizarse en non máis de 30 días unha vez acabado o prazo de utilización dos mesmos.