Buscaremos o apoio do resto de grupos políticos contra a Lei 27/2013, do 27 de decembro, de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local no Congreso dos Deputados, máis coñecida como Lei Montoro.
Dende a asemblea de Vilalba Aberta, vimos de anunciar que reclamaremos o apoio do Pleno Municipal en contra da Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local no Congreso dos Deputados e farémolo, a través dunha moción que o compañeiro Modesto Renda defenderá este xoves co obxectivo de que o Concello se sume á Proposición de Lei rexistrada recentemente no Congreso para a aplicación de medidas urxentes en materia de réxime local.
A proposta, que reclama volver temporalmente ao consenso anterior a 2013 e implementar medidas urxentes ata que haxa unha nova Lei de Bases de Réxime Local; está pensada para unha mellor e máis correcta prestación dos servizos esenciais necesarios, tamén en materia de emprego e para salvala endémica problemática do financiamento, a fin dunha mellora na calidade destes tanto na vila coma nas parroquias.
Un proceso participado no que os entes locais, as asociacións de municipios, a sociedade civil e a cidadanía no seu conxunto, sexan os que senten democraticamente as bases para a construción do novo municipalismo do século XXI.
Un novo municipalismo que, ao xuízo da nosa asemblea, debe partir da asunción de novas competencias, da garantía dun financiamento adecuado e suficiente para as corporacións locais e do inaprazable compromiso de transparencia, pola vía da corresponsabilidade e a participación vinculante da cidadanía.