No día de hoxe, e de cara ao vindeiro Pleno Ordinario do mes de Novembro, vimos de rexistrar unha pregunta no Concello a fin de reclamar que se cuantifique o montante derivado da exención do Imposto sobre Bens Inmobles ás confesións relixiosas no municipio.
Unha normativa fiscal que, en virtude do Concordato subscrito entre o Estado Español e a Santa Sé no 1979, exonera á Igrexa Católica do pago do Imposto sobre Bens Inmobles polos bens do seu patrimonio inmobiliario e que na práctica supuxo que en todos estes anos, o Concello de Vilalba non ingresase cantidade algunha polos numerosos inmobles que a Igrexa posúe no municipio, agravándose esta situación dende 2002 coa falta de ingresos polos inmobles doutras confesións relixiosas coa entrada en vigor da Lei 49/2002 de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e de incentivos fiscais ao mecenado e que posibilitou que non só a Igrexa Católica, senón calquera outra igrexa, confesión ou comunidade relixiosa tivera acceso a eses beneficios fiscais.
A este respecto, dado que foi o Estado quen de forma unilateral decidira eximir do pago dun imposto de competencia exclusivamente municipal tanto á Igrexa Católica coma ao resto de confesións relixiosas e posto que a Lei Reguladora de Facendas Locais detalla no seu artigo 9.3 que “Cando o Estado outorgue moratorias ou aprazamentos no pago de tributos locais a alguna persoa ou entidade, quedará obrigado a arbitrar as fórmulas de compensación ou anticipo que procedan a favor da entidade local respectiva”, dende a asemblea de Vilalba Aberta consideramos que existe un resquicio legal, en tanto que se está a recoñecer a obriga do Estado de compensar a reducción de ingresos dos concellos por este tipo de decisións. Un principio que xa foi aplicado noutras ocasións, como cando se compensou aos concellos pola decisión do Goberno de Aznar de suprimir o IAE ao 92% dos contribuíntes e en base ao cal, instamos ao Goberno Municipal a seguir o exemplo doutros municipios do Estado e reclamar diante do Ministerio de Facenda a compensación económica que se derive de dita exención.