Vilalba Aberta presentou esta mañá a que será a súa sétima iniciativa de cara Pleno Ordinario de Novembro. Unha nova proposta aos grupos, enmarcada na conmemoración do Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller, e cuxo obxectivo último é o de reforzar a necesaria protección a todas aquelas mulleres vítimas de maltrato que non dispoñan dunha alternativa á vivenda unifamiliar.
A nosa asemblea, que renunciou á celebración de actos propios a fin de concentrar os seus esforzos militantes nas diferentes actividades organizadas polo movemento feminista vilalbés, toma así e de novo a iniciativa institucional, na procura da posta en marcha de medidas efectivas que, dende o que de limitado ten o municipalismo a este respecto, veñan canto menos a paliar as consecuencias da violencia machista no Concello de Vilalba.
Un intento, que dende Vilalba Aberta entendemos complementario do “imprescindible” traballo realizado polo CIM, e para o que propoñemos a utilización dunha propiedade recentemente adquirida polo Concello, isto é: a do edificio orixinariamente construído para albergar vivendas de profesores na rúa Cuart de Poblet
Un inmoble, que na actualidade conta con seis vivendas, das cales tan só dúas están habitadas e cuxo recente proceso de desafectación previo á concreción da súa nova titularidade, xa mereceu en 2016 doutra interpelación de Vilalba Aberta, neste caso en base ás dúbidas do anterior rexedor ao respecto do que facer con el unha vez pasara a mans municipais.
Non queremos presentar unha iniciativa que redunde na cifra de asasinadas no que vai deste e do pasado ano, porque triste e lamentablemente estará obsoleta dende o mesmo momento da súa redacción. Tampouco, proxectala enchéndoa de estatísticas porque sabemos que a noxenta realidade supera xa ás propias cifras oficiais. Pretendemos, nin máis nin menos, optimizar recursos propios co fin de reforzar os actuais servizos municipais, xerando así a necesaria tranquilidade e confianza para o conxunto das veciñas do Concello.
Neste senso a moción que no día de hoxe vimos ademais de rexistrar, a fin de que a titularidade municipal dun dos máis coñecidos inmobles da vila se concrete nun uso de emerxencia habitacional tanto para mulleres coma para nenas e nenos vítimas de violencia machista.