Reivindicamos aimplantación por parte do Concello de sistemas de participación cidadá efectiva, tanto presencial como telemática, co fin de coñecer as necesidades dos distintos barrios e parroquias.
O sometemento a información pública de toda obra que supere os 100.000 euros, dando publicidade do orzamento e empresas concursantes ou a creación dun Consello Local do Urbanismo, outras das liñas fundamentais da iniciativa.
Dende a asemblea de Vilalba Aberta, vimos de facer público que no Pleno Ordinario do vindeiro luns, unha sesión na cal pediremos a reprobación do Alcalde pola súa política de sulfato, presentaremos tamén ao conxunto dos grupos e ao Goberno Municipal, unha proposta de transición cara un modelo de urbanismo participativo.
Unha iniciativa, que xorde da análise que ao longo destes meses viñemos facendo ao respecto das políticas urbanísticas levadas a cabo durante as últimas décadas, as cales puxeron a Vilalba e nomeadamente aos seus núcleos urbanos ao servizo dunha maquinaria que necesitaba dunha frenética actividade a fin da xeración de beneficios.
O estalido desta dinámica, fai pois, imposible a continuidade destas políticas, evidenciándose para nós a necesidade de artellar novas políticas urbanas máis sustentables baseadas na resolución das necesidades concretas dos veciños/as e a consecuente e desexable mellora das súas condicións de vida.
E é precisamente por isto, polo que a determinación das necesidades e obxectivos das novas políticas urbanísticas non deben quedar, ao noso entender, exclusivamente en mans da administración e dos equipos técnicos, senón que se debe dar voz e poder de decisión sobre a súa contorna a quen mellor coñecen os seus problemas: isto é: o conxunto dos veciños e as veciñas”
Neste senido nos pronunciaremos no pleno, a fin da implantación por parte do Concello de sistemas de participación cidadá efectiva, tanto presencial como telemática, co fin de coñecer as necesidades dos distintos barrios e parroquias e cuxas conclusións constitúan os obxectivos a resolver mediante obras, actuacións ou plans urbanísticos a realizar.
O sometemento a información pública de toda obra cun orzamento superior aos 100.000 euros, dando publicidade na páxina web municipal e informando de forma directa das súas características, orzamento e empresas concursantes aos veciños directamente afectados ou a creación dun Consello Local do Urbanismo para formular e expor criterios e alternativas de ordenación a curto, medio e longo prazo, principalmente en relación á elaboración e seguimento de plans xerais, parciais e especiais; completan esta, para nós, ambiciosa proposta coa que dende Vilalba Aberta pretendemos mudar o modelo de ordenación tanto da capitalidade municipal coma das súas parroquias.