Dende a asemblea de Vilalba Aberta vimos de presentar a que será a segunda das nosas iniciativas de cara ao Pleno Ordinario do vindeiro xoves. Un borrador de Ordenanza, encamiñada a protexer, defender e fiscalizar os dereitos dos animais, así como a regular os dereitos e deberes dos seus propietarios e a propia convivencia entre os animais que viven na contorna urbana e rural e os seus habitantes.
O feito de integrar un animal de compañía nun fogar debe partir dun comportamento responsable e racional da persoa que se responsabiliza, ademais de conxugar o principio básico de respecto cara a estes seres vivos con capacidade de sentir e de sufrir co principio de respecto á contorna e ás persoas. E é precisamente neste sentido, onde consideramos imprescindible a regulación dos dereitos e deberes da veciñanza así como a da responsabilidade municipal de desenvolver un traballo de control e pedagoxía social que a vincule no seu conxunto.
O documento, que conta con máis de 45 artigos e outros tantos capítulos e disposicións, comprende diferentes áreas temáticas que versan dende o relativo á tenza e trato ata o protocolo de actuación diante da problemática dos abandonos, e é o froito dunha redacción compartida xunto a colectivos e veciños/as vinculados á loita animalista.
Unha proposta ao pleno, inspirada na Declaración Universal dos Dereitos do Animal e que representa unha absoluta prioridade para unha formación de marcado carácter animalista como é Vilalba Aberta.