Dende a asemblea de Vilalba Aberta vimos de presentar a que será a primeira das nosas iniciativas de cara ao Pleno Ordinario do vindeiro xoves. Unha nova proposta aos grupos con representación, e que ten por obxecto a anticipación e a prevención diante do risco que, para un Concello coma Vilalba, están a supor as continuadas vagas de lumes dos últimos anos. Custes económicos, ecolóxicos, sociais e, inclusive, perdas de vidas humanas que deberían ser entendidos por parte do Goberno Municipal coma unha inaprazable chamada de atención, a fin da posta en marcha de políticas de protección e de reordenación do agroforestal vilalbés.
Estamos a falar dunha batería de medidas de entre as cales destacan por enriba de calquera outra as encamiñadas a loitar contra a eucaliptización no termo municipal. Unha problemática, a do seu incremento, que dende Vilalba Aberta asociamos ás repoboacións voluntarias apoiadas e subvencionadas dende a administración como único cultivo forestal alternativo e ao avance descontrolado cara a terras abandonadas por espallamento da semente.
Na mesma liña e diante da negativa do Ministerio de Medio Ambiente á inclusión do eucalipto no Catálogo de Especies Exóticas e Invasoras, a normativa vinculante para as comunidades autónomas permite aos Concellos a aplicación de medidas de carácter urxente. Dende xa, o Goberno Municipal conta coas competencias para acometer a paralización das plantacións de eucalipto en lugares sensibles, isto é: os incluídos na Lei de Espazos Naturais e Rede Natura, afastar debidamente esta especie de calquera ben inmoble, así coma dos pastos, das zonas agrarias, das estradas convencionais e liñas eléctricas, ademáis de romper a continuidade das masas forestais de eucalipto con distancias mínimas de separación.
Neste senso nos pronunciaremos no pleno, a fin da aprobación dunha verdadeira proposta integral, que abrangue dende a elaboración dunha ordenanza municipal que inclúa beneficios para os propietarios de plantacións con especies autóctonas, ata a posta en marcha dun Observatorio Medio Ambiental no Concello e a xestión municipal baixo convenio das labouras de prevención, a fin de que ditos medios traballen durante todo o ano, especialmente nos meses de inverno e primavera.