Vilalba Aberta volverá levar a Pleno o seu proxecto para a reorganización da propiedade rural a través de permutas. A iniciativa, rexistrada por primeira vez en xullo de 2021 – mais completamente ignorada polo goberno municipal – pretende mellorar a rendibilidade da superficie agrícola do municipio e subvencionaría ata un 75% dos gastos notariais a aqueles veciños/as aos que, voluntariamente, lles interesara intercambiar.
Dende a formación, contextualizan este segundo intento na demanda por parte da veciñanza das parroquias de “instrumentos útiles, prácticos e dinámicos que permitan promover a reorganización da propiedade a nivel local, sen necesidade de agardar por procesos máis complexos como as concentracións parcelarias (hoxe coñecidas como reestruturacións parcelarias) tan demoradas no tempo.”
Neste senso, o seu voceiro municipal Modesto Renda instou a PP e PSOE a apoiar unha iniciativa que “se fai necesaria no Concello de Vilalba” e que, seguindo o exemplo do que xa ese está a facer en Friol “poría en marcha un instrumento, dende 2015, definido na vixente Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia e que aínda apenas fora posto en práctica no territorio galego.”
Unha opinión compartida pola responsable de Medio Ambiente e membro da Coordinadora de VA, Ana Paredes, quen fixo fincapé na necesidade de reverter a continuada perda de terras agrícolas que, dende hai máis dunha década, está a afectar negativamente á rendibilidade do agro. “A nosa responsabilidade como oposición é procurar solucións serias e contrastadas ás demandas da veciñanza e as do noso sector agrogandeiro non poden agardar máis”, explicou.
DELIMITACIÓN DOS TRABALLOS
Os traballos a realizar, unha vez definida a superficie, consistirían no achegamento ao perímetro de actuación, estudo da caracterización da zona, análise da propiedade do terreo, anteproxecto de reestruturación, coa súa posterior tramitación ata que se obteña a aprobación da Dirección Xeral de Infraestruturas e, finalmente, proceder á repartición, marcación e transferencia á notaría do rexistro e finalmente ao seu rexistro.
Así mesmo, e tal e como se encargou de remarcar Renda, a iniciativa de Vilalba Aberta concíbese “complementaria a calquera outro mecanismo de reestruturación”, aínda que está especialmente pensada para as “áreas locais e específicas que están pouco cultivadas.”
“Permitiríase o acceso á terra das explotacións existentes, así como a agrupación de superficie para facilitar o acceso ás explotacións, o que suporía un beneficio engadido para aqueles propietarios/as que non cultiven nin exploten as súas terras, xa que as porían en valor”, lembrou.
Na mesma liña se pronunciou Ana Paredes, declarando que a posta en marcha de iniciativas coma esta é unha “necesidade evidente” que se detecta dende hai anos, e agora, logo de contrastar o exemplo do concello de Friol, “pode facerse realidade tamén no Concello de Vilalba”.