Vilalba Aberta segue a facer presión de cara á urxente aprobación duns Orzamentos Municipais para a presente anualidade. Logo da nosa interpelación ao Goberno Municipal no pasado Pleno Ordinario de Xullo, o noso Grupo Municipal vén de anunciar que solicitará a remisión do proxecto de orzamento que estaba en marcha antes da ruptura do pacto de goberno, co fin de “desbloquear a actual situación de parálise no Concello.”
“A presentación duns Orzamentos é, máis alá dunha obriga do Goberno, condición indispensable para a recuperación económica da Vilalba post covid” remarcou a este respecto o noso voceiro municipal, Modesto Renda.
Neste senso e, ao tempo que volveu lamentar a “incomprensible falta de planificación e organización” dun equipo de goberno que “nin tan sequera foi quen de pechar a conta xeral de 2019”, apelou á urxencia de cumprir “dunha vez” coas necesidades e demandas das parroquias, así como coas de aqueles veciños/as que dependen directamente da supervivencia do sector comercial e de servizos, nun contexto “tan negativo” como o que xerou a crise económica e social derivada da aparición do virus.
“Porque o vimos dicindo dende hai meses e a actual realidade económica fixo da nosa reivindicación unha urxencia: Hai que poñer o Concello a funcionar e, coa actual aritmética da corporación, cómpren acordos amplos e de consenso para acadalo.” Apuntou.
Unha argumentación, compartida pola nosa compañeira e tamén concelleira, Mª Xosé Fernández, quen deixou claro que “non pode haber descanso namentres as necesidades das parroquias, dos autónomos e das familias traballadoras non estean blindadas nunhas novas contas municipais”, en clara alusión aos continuados paos na roda do Goberno Socialista, en relación coa posta en marcha das propostas de reactivación económica e social de Vilalba Aberta – o programa de axudas directas a autónomos e o sistema municipal de cheques axuda á conciliación – aprobadas en Pleno e paralizadas pola tardanza do goberno en minoría ao respecto antedito do peche da conta xeral.
PARROQUIAS, AUTÓNOMOS E FAMILIAS, OS TRES COMPROMISOS IRRENUNCIABLES PARA VILALBA ABERTA
“Non nos imos resignar a agardar sentados a que as consecuencias directas da actual situación de parálise afecten negativamente aos intereses da nosa veciñanza” declarou Modesto Renda, ao tempo que facía pública a estratexia de Vilalba Aberta cara á reivindicada política de negociación, isto é: Defensa dos intereses da veciñanza das parroquias; axudas directas autónomos e pemes, na liña do aprobado en Pleno; e políticas de apoio á conciliación para as familias traballadoras, en tanto que principais afectadas pola “nova normalidade” post covid.
DUPLICAR AS INVERSIÓNS NAS PARROQUIAS
“Pór fin a décadas de políticas de reparto de fondos municipais desiguais para o rural”. Unha idea forza de Vilalba Aberta e o piar estratéxico da nosa formación de cara á calquera tipo de negociación en materia orzamentaria.
Rexeitada cos votos en contra do PSOE e a abstención do PP a nosa proposta encamiñada a que os fondos do Canon Eólico reverteran directamente nas parroquias; Vilalba Aberta condicionará a súa acción política á aprobación dunhas contas municipais que contemplen un acordo vinculante a fin da necesaria rexeneración e mellora dos camiños e pistas de titularidade municipal; o acondicionamento dos accesos; a mellora da rede de abastecemento de auga e do sistema de xestión de residuos, así como a reivindicada adquisición de maquinaria destinada ao mantemento e á roza, co obxectivo de aforrar diñeiro municipal na recorrente contratación de empresas.
CUMPRIR CO APROBADO EN PLENO E INMEDIATA POSTA EN MARCHA DO PROGRAMA DE AXUDAS DIRECTAS A AUTÓNOMOS E PEMES
“Cumprir co aprobado en sesión plenaria e que os autónomos e Pemes vilalbeses/as conten coas mesmas posibilidades que os autónomos e Pemes de Guitiriz, Monforte, Lugo, Viveiro e a Pontenova, entre tantos outros concellos gobernados polo PSOE ao longo da Provincia”. Así resumía Renda o segundo eixo estratéxico da nosa formación, de cara á urxencia duns Orzamentos de reconstrución.
A reivindicación, que parte da necesidade de actuar de xeito inmediato diante das consecuencias derivadas da crise económica provocada pola aparición do covid, trata fundamentalmente de impulsar e reactivar a actividade económica (moi especialmente aquela de tipo comercial, hostaleira e de servizos, en tanto que principal afectada polo mesmo) no termo municipal.
Unha traballada adaptación do Plan Reanima posto en marcha por parte do Goberno do Concello de Lugo, que Vilalba Aberta conseguiu aprobar en Pleno acompañada dunha extensa e minuciosa memoria económica e de tramitación e que, tal e como denunciamos onte, se atopa paralizada por parte dun Goberno que estivo mareando a perdiz ata recoñecer que non podía poñelo en marcha por no ter pechada aínda a conta xeral.
POLÍTICAS PARA AS FAMILIAS TRABALLADORAS
Aprobada no último Pleno Ordinario de Xullo, a proposta de sistema municipal de cheques axuda para a conciliación, foi o último éxito de Vilalba Aberta.
Unha iniciativa, complementaria ao Programa Municipal de axudas directas a autónomos e Pemes, en tanto que incidirá no necesario impulso á actividade económica no termo municipal (sector do ocio infantil / ludotecas), e cuxa finalidade é a de contribuír á necesaria conciliación da vida laboral e familiar no Concello.
Presentada acompañada tamén dunha estruturada memoria de tramitación e inspirada nas aplaudidas liñas de axudas á conciliación do Concello de Ribadeo; trátase dunha proposta ambiciosa á par que realista que dende Vilalba Aberta deseñamos contemplando tanto a posibilidade de que o Goberno Municipal axilice a urxente elaboración duns orzamentos, como a de que, unilateralmente decida prorrogar os actuais.