Sae a licitación a renovación dos primeiros accesos e vías nas parroquias, froito do último acordo entre o Goberno e VA. Un desbloqueo “máis que fundamental en materia de investimentos” en palabras do noso voceiro, Modesto Renda, quen lembrou que, sen este acordo “o Concello non tería apenas marxe para executar” (as contas continúan prorrogadas dende o último ano do PP) o que se traduciría nun “ano perdido para o rural.”
Renda, que puxo en valor o modelo de oposición “seria e en positivo” de Vilalba Aberta, mostrouse especialmente satisfeito por un desbloqueo, dende hai meses, perseguido polo noso Grupo Municipal. “En Xullo arrincamos un traballado acordo e hoxe comeza a dar resultados. Agora é o intre de cumprir coas parroquias que faltan e o goberno local ten a nosa proposta sobre a mesa”, explicou.
PRIMEIROS TRABALLOS COMPROMETIDOS
Os primeiros traballos terán lugar nos viais de Fontemarín e O Pedrouzo (Román); Casasnovas, Gradela e da LU-120 á LU-P-6514 (Rioaveso); Reboredo (Nete); Vieiros e Granxa (Ladra); Cadavas e A Granda (Xoibán); Rebordaos (Insua); Carralmaior, O Iglesario, Amarigo, Casasnovas e Penelas (Alba), e Marcelle (A Torre).
O investimento será de 309.000 euros nuns viais que dan acceso a núcleos e barrios, cunha importancia fundamental para a circulación de vehículos lixeiros, pesados e maquinaria de todo tipo en dirección ás vivendas, explotacións agrogandeiras e parcelas agrícolas ou forestais.