O Vicealcalde e responsable de Mobilidade, Modesto Renda, anunciou hoxe a súa decisión de replicar no casco urbano o que dende hai un ano ven facendo nas parroquias do rural vilalbés. Reunirse coa veciñanza “rúa por rúa”, expoñer o diñeiro co que conta o Concello e que sexan os propios veciños/as os decidan as prioridades.
Unha iniciativa pioneira que, tal e como explicou, “ven dada polo elevado número de solicitudes veciñais en materia de mobilidade urbana e polo grande interese que percibiu nos últimos meses por parte da veciñanza do casco urbano de que se puidera poñer en marcha na vila o mesmo sistema empregado por Renda no rural”.
Así, lembrou, este novo proceso de escoita suporá o reforzamento dunha das medidas que con máis forza defendeu na pasada campaña electoral: “Queremos gobernar escoitando e o meu obxectivo como responsable de mobilidade é facer máis cómoda a vida do conxunto dos meus veciños e veciñas”.
A primeira das xuntanzas terá lugar este martes día 25 na Casa da Cultura (20:30h) e os convocados son os veciños/as residentes na Rúa de Begonte e a súa contorna.