O Concello de Vilalba, a través da área de Infraestruturas Rurais que xestiona directamente o vicealcalde Modeso Renda, investiu un total de 520.104 euros no rural dende o inicio deste mandato.
Do total, preto de 400.000 euros proveñen na súa totalidade de fondos municipais e con eles finaciouse a mellora e a rexeneración completa de ata 26 viais nas parroquias de Corvelle, Samarugo, Distriz, Gondaísque, Sancovade, Román, Goiriz, Lanzós, A Torre, Soexo, Insua, Oleiros e Xoibán. A estas uniránselle nos vindeiros días as de Vilapedre e San Simón, cunha nova partida de preto de 100.000 euros repartidos en catro novas actuacións en ámbalas dúas parroquias da montaña.
PLAN DE CAMIÑOS
A este importantísimo investimento cómpre sumarlle os 120.000 euros do Plan de Camiños 2023, licitado e executado tamén no presente mandato e que permitiu a renovación completa do vial que une os barrios de Gardamil, Cabanas e Liñares, pertencentes a Oleiros; o acceso ao barrio de Barbeitas, na parroquia de Sancovade; e o vial de acceso aos barrios de Graduín e Fabás, en Goiriz.
NOVOS INVESTIMENTOS
Nos vindeiros días, tal e como explicou Modesto Renda, a área de Infraestruturas Rurais adxudicará tres novas obras por valor de 71.000 euros con cargo ao plan Deputación 2024, dos que un total de 47.000 se destinarán á reconstrución integral da Ponte da Ribeira, na parroquia de Samarugo. Os fondos restantes investiranse na rexeneración completa dos accesos ao barrio de Picoi, en San Lourenzo de Árbol, e ao das Abelairas, en San Bartolomeu de Corvelle.
ANUALIDADE 2024
O vicealcalde vén de anunciar tamén o destino dos 130.000 euros correspondentes ao Plan de Camiños 2024. Estes servirán para financiar a que será a maior obra do que vai deste mandato, por importe de 85.000 euros. Os fondos destinaranse á rexeneración completa do vial que une as parroquias de Alba e de Belesar, ata a Igrexa, incluídos os ramais en peor estado da escadra de Meire. A renovación e mellora dos viais de acceso aos barrios de Cartemil, en Rioaveso, e a Bardela, en Román complementan esta actuación.
Paralelamente, a área de Infraesruturas Rurais traballa xa na redacción de novos proxectos de obra para acometer o máis axiña posible con fondos propios do Concello.