Vilalba Aberta é unha plataforma cidadá constituída para contribuír á rebelión , pacífica e democrática, dos veciños e veciñas de Vilalba , para poñer a institución municipal ao servizo da cidadanía e baixo o seu control , apoiándose nas ferramentas necesarias para combater a desigualdade e construír un concello e un país distinto.
Vilalba Aberta nace co obxectivo de trasladar ao nivel institucional municipal os valores dunha cidadanía plural e heteroxénea , de carácter aberto, avanzado, solidario, tolerante e igualitario; unha cidadanía que aposta por un modelo de concello ben diferente ao que hoxe nos ofrecen as minorías gobernantes que so acreditan no servizo aos seus propios intereses persoais e partidarios.
As persoas que nos comprometemos co proxecto de Vilalba Aberta compartimos a crítica radical ás políticas e á xestión do Partido Popular. Vilalba é o único Concello de Galiza maior de 15.000 habitantes no que desde as primeiras eleccións democráticas de 1979 sempre gobernou o mesmo partido. Despois de 36 anos ,o balance non pode ser mais negativo: Un Concello concibido como coto privado duns poucos, uns servizos públicos (auga, saneamento, recollida de lixo, limpeza viaria, piscina…etc.) privatizados na súa totalidade e cun deficiente funcionamento, un Concello sen ningunha capacidade inversora que depende exclusivamente das subvencións doutras administración, unha vila urbanísticamente desestructurada, un medio rural abandonado, ao cal tardan en chegar, ou nunca chegan, moitos servizos, una situación económica en números vermellos…un concello, en definitiva, sen proxecto de futuro.
Fronte a esta situación, aos homes e mulleres que impulsamos Vilalba Aberta, únenos a aposta por un Concello aberto á participación da veciñanza. Só a participación activa da xente pode cambiar as cousas.
Un cambio que é necesario e urxente, e para conseguilo entendemos que é preciso un programa de actuación municipal que teña como base o seguinte
DECÁLOGO
1.- Queremos un Concello que garanta un trato sen privilexios e igualitario para tódolos veciños e veciñas.
2.- Queremos un Concello que fomente e garanta a participación cidadá na vida municipal e que someta a actuación municipal aos principios de control democrático, publicidade e máxima transparencia.
3.- Queremos un Concello que aposte por unha política de ordenación territorial , urbanística e ambiental sustentábel , que remate coa elaboración do PXOM ; unha política ao servizo do interese público xeral , en contra da especulación; un concello volcado na conservación e promoción do noso patrimonio histórico artístico, pola peonalización e posta en valor do casco vello da vila.
4.- Queremos un Concello comprometido co medio rural, que se implique na elaboración de programas de desenvolvemento e diversificación rural para impulsar a agroindustria a partir da transformación dos recursos do sector primario.
5.- Queremos un Concello que se implique activamente na defensa do noso idioma e da cultura propia da Galiza. Que potencie todo o que reforce e valorice o autocoñecemento. Unha cultura formadora, desalienante, diversificada e dinámica.
6.- Queremos un Concello que elabore un Regulamento Municipal para garantir e facilitar o acceso á información e a participación veciñal nos órganos municipais. Un Concello que aposte pola creación de Consellos Sectoriais (Consello Municipal de Cultura, Consello Municipal de Deportes, Consello Escolar Municipal…) como organismos de debate,proposta, e seguimento dos programas de cada área de actuación municipal.
7.- Queremos un Concello que traballe pola igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Un Concello que cree a Concellería de Igualdade como órgano encargado de planificar e coordinar as políticas municipais en materia de xénero.
8.- Queremos un Concello para o cal as políticas de benestar e de carácter social, públicas e de calidade, sexan piares fundamentais das súas actuacións.
9.- Queremos un Concello que atenda e de resposta ás necesidades da mocidade, que garanta a súa participación social e política.
10.- Queremos un Concello aberto, dinámico, transparente, participativo no que os cidadáns auditen e controlen as contas públicas ademais de participar na elaboración dos orzamentos.
Estamos convencidos de que estes desexos plasmados en papel a modo de principios básicos e obxectivos, son os elos que poden conformar unha cadea que nos leve a facer da política municipal unha ferramenta útil para converter en posíbel o que realmente é necesario.
Outra Vilalba é posíbel, e está nas mans dos vilalbeses e vilalbesas facela realidade.
Somos conscientes de que o camiño non ha ser fácil, é necesario seguir facendo o esforzo de apostar polo que nos une sen obviar e respectando as diferenzas que lexitimamente poidamos ter.
Se estas de acordo con este decálogo de intencións, se queres unha xestión municipal aberta á participación veciñal, se pensas coma nós que outra Vilalba é posíbel, participa
neste proceso ASEMBLEARIO que ten a finalidade principal de abrir o Concello á xente.
SEN PARTICIPACIÓN NON HAI DEMOCRÁCIA. OUTRA VILALBA É POSÍBEL E NECESARIA!
Queremos gobernar obedecendo!
PARTICIPA CON NÓS NESTE PROXECTO ILUSIONANTE.
Vilalba , marzo do 2015
O POBO AO CONCELLO!