A proposta basease na Casa da Muller, un espazo pensado para lles dar apoio social, psicolóxico, educativo e xurídico ás vítimas e que funciona xa con relativo éxito noutros concellos do País.
A política de prevención, entenderíase dende continuidade na sensibilización da veciñanza a través de campañas específicas, debates, charlas, mesas redondas, ou folletos, entre outras iniciativas.
Dende a asemblea de Vilalba Aberta vimos de dar a coñecer as liñas mestras do Plan Municipal que mañá defenderemos diante o pleno, a fin da posta en marcha de medidas efectivas que, dende o que de limitado ten o municipalismo a este respeito, veñan canto menos a paliar as consecuencias da violencia machista, tamén no noso Concello.
Non queremos, pois, presentar unha iniciativa que redunde na cifra de asasinadas no que vai deste e no pasado ano, porque triste e lamentablemente estará obsoleta dende o mesmo momento da súa redacción. Tampouco, proxectala enchéndoa de estatísticas porque sabemos que a noxenta realidade supera xa ás propias cifras oficiais.
Pretendemos, nada máis e nada menos que establecer os mecanismos municipais que lles diga ao conxunto das veciñas que non están soas, ao tempo que recorde a todos cantos en Vilalba vexan a muller coma un obxecto da súa propiedade, que se acabou e que xa non teñen cabida neste municipio.
Moito é o traballo que nos espera nesta materia e ademais é urxente. Estamos a falar de reforzar os servizos de apoio ás vítimas, contar con persoal preparado especificamente para empoderalas, transversalizar as políticas feministas, ampliar a atención a mulleres e menores sobreviventes da violencia machista, crear plans de inserción laboral para mulleres vítimas; en definitiva, poñermos, en tanto que corporación municipal, a necesaria atención que as nosas veciñas se merecen.
Neste sentido a nosa proposta, baseada na Casa da Muller que funciona xa con relativo éxito noutros concellos do conxunto do país. Un espazo onde a muller atoparía apoio social, psicolóxico, educativo, xurídico, ademais da pertinente atención ás súas necesidades básicas. Así mesmo, a atención a vítimas basearíase na atención psicolóxica, mediante terapia individual ou grupos terapéuticos.
A política de prevención, entenderíase dende continuidade na sensibilización da veciñanza cara a este problema, a través de campañas específicas, debates, charlas, mesas redondas, ou folletos, entre outras iniciativas. Así mesmo, a prevención da violencia machista proxectaríase tamén dende a educación cara ao profesorado (formación, elaboración de materiais e publicacións) e cara ao alumnado (tanto de Primaria como de Secundaria). Unha política de prevención, que alcanzaría do mesmo xeito a outros ámbitos como o laboral (sindicatos e empresas), profesional (avogadas/os, policías, profesionais da saúde e de Acción Social), ou inclusive ao social e o cultural. Sería dende a mesma Casa da Muller, dende onde emanasen os programas concretos.
Nesta liña, defenderemos que este servizo se valore nun tempo máximo dun mes e se xestione e preste nun máximo de seis meses, así como que este tipo de axuda social pase a ser prioritaria dentro dos orzamentos 2017, independentemente dos apoios económicos exteriores, os cales servirían unicamente para reforzar a iniciativa.