Consideramos inaprazable a posta en marcha dunha avaliación tanto da xestión directa como indirecta que de a coñecer o resultado da xestión dos dous derradeiros alcaldes do Concello.
A fiscalización de todos os créditos pendentes de amortización, así coma determinar se houbo débeda con provedores convertida en débeda bancaria, para proceder á realización dun seguimento; algunha das nosas liñas vermellas.
Dende a asemblea de Vilalba Aberta vimos de anunciar, con vistas ao Pleno Ordinario de mañá, a defensa con carácter de urxencia dunha moción relativa á posta en marcha dunha auditoría do período de xestión do Alcalde saínte, o Popular Gerardo Criado e o seu predecesor no cargo, o tamén Popular, Agustín Baamonde, coincidindo co anuncio da marcha do primeiro e a súa substitución polo segundo.
Unha avaliación dos servizos públicos prestados polo Concello, tanto de xestión directa coma sobre todo indirecta – inaprazable a ollos da nosa formación – a fin de coñecer con todo detalle a súa situación económica e financeira, así coma a fiscalización dos créditos pendentes de amortización, con que banco, capital solicitado, tempo, tipo de interese, capital pendente de pago… Saber, en definitiva, para que se solicitou cada un dos préstamos, ver o estado do último préstamo solicitado e determinar se houbo débeda con provedores convertida en débeda bancaria, para proceder á realización dun seguimento e a este respeito, determinar se hai obrigas recoñecidas pendentes de pago do exercicio corrente, e de exercicios anteriores.
No tocante ao capitulo do estado dos ingresos e dos gastos, a nosa proposta solicita analizar cada un dos capítulos, artigos, concepto, e sub concepto, se o houbese, de ingresos, Dereitos Recoñecidos Netos, e Recadación efectiva. Analizar as cantidades pendentes de recadación do exercicio en curso e de exercicios anteriores, así coma a pertinente comparación cos dos outros municipios da contorna.
A análise de futuras fontes de ingresos distintas das actuais, ademais da evolución das transferencias do Estado, CA, Europa… e a realidade acerca dos Gastos dos Órganos de Goberno, Directores, Persoal Eventual, Funcionarios, Laborais Fixos e Temporais, Incentivos e cotas Sociais; outras das liñas vermellas dunha verdadeira auditoría veciñal, de carácter integral, que sería realizada por traballadores públicos, elixidos por todos os grupos municipais e aberta á participación das entidades e veciños/as que así o soliciten.