Dende a asemblea de Vilalba Aberta vimos de anunciar o rexistro dunha unha nova iniciativa – a debater no Pleno Ordinario deste xoves – co obxectivo dunha solución integral ás continuadas problemáticas relativas á deficiente sinalización viaria no Polígono Industrial de Sete Pontes.
Tal e como denunciamos na comunicación que hoxe remitimos á prensa, no que vai de lexislatura son xa varios os contratempos en forma de accidentes sufridos por algúns veciños e/ou traballadores do Polígono debido ás numerosas carencias no seu mantemento e planificación. Pintura viaria que esmorece, abandono progresivo do coidado do firme e o máis total desleixo de funcións ao respecto da seguridade peonil e de circulación, que nos arroxan coma resultado un incontable capítulo de colisións fortuítas e saltos de STOP debidos – tal e como foi o caso do último – á ausencia da correspondente sinalización vertical e onde inclusive, a mesma Garda Civil lle recomendou ao afectado deixalo patente no correspondente parte.
É por isto que defenderemos diante o Pleno a elaboración dun informe do actual estado da sinalización viaria no Polígono, coma paso previo á realización das melloras oportunas naqueles puntos que o precisen (pintura desgastada, pouca visibilidade, necesidade de sinais, obstáculos para os vehículos, falta de iluminación, etc…).