A suma dos valores catastrais superará nunha boa parte dos fogares das parroquias o límite marcado para a súa percepción.
Tomamos a iniciativa a fin de que o Goberno Municipal asuma diante das familias afectadas o que as súas políticas están a provocar noutras administracións.
Tomamos a iniciativa a fin de que o Goberno Municipal asuma diante das familias afectadas o que as súas políticas están a provocar noutras administracións.
No intre no que a actualización do Catastro de Rústica teña rematado, o valor catastral de propiedades que antes non se consideraban a efectos de Catastro, isto é: granxas, alpendres, invernadoiros, etc… pasará a incorporarse de xeito formal ao patrimonio de agricultores e gandeiros.
Unha inclusión que ademais de alcanzar á maioría dos veciños das parroquias, en tanto que o límite para o valor das leiras rústicas se verá excedido logo da actualización, terá consecuencias directas para os fillos e fillas dos gandeiros e agricultores locais, pois impediralles o acceso ás becas de estudos do Ministerio de Educación.
Neste sentido, vimos de tomar a iniciativa de cara ao vindeiro pleno ordinario de Marzo co fin de que o Goberno Municipal actúe coa antelación suficiente para que, no caso de non correxirse estes criterios antes da vindeira convocatoria, asuma diante das familias afectadas o que as súas políticas están a provocar noutras administracións.
Chega con ollar a convocatoria 2015 de bolsas de estudos (onde se delimita que para optar ás mesmas a suma dos valores catastrais das leiras rústicas da unidade familiar dividida entre o número de membros da familia non pode superar vos 13.130 euros por cada membro computable) para caer na conta de cal é a razón pola que nos concellos onde rematou a revisión xa se deron casos de fillos de gandeiros que perderon a súa bolsa para curso 2015-2016.
Do mesmo xeito, e poñendo o exemplo dunha unidade familiar de catro membros que teña instalacións gandeiras valoradas en 100.000 euros, estaríamos a falar de 25.000 euros por persoa. Unha cantidade que superaría, ademais dun xeito amplo, o límite marcado polo Ministerio Educación.
Mais dende a asemblea de Vilalba Aberta cremos que hai alternativas a este escenario. Alternativas que xa se puxeron en funcionamento con éxito noutros municipios onde o consistorio saíu ao paso das inxustizas de administracións superiores para protexer ás súas veciñas e veciños, asumindo o pago das bolsas a aquelas familias que anteriormente as perderan. Alternativas ademais, que constituirían un verdadeiro exemplo de municipalismo democrático de seren postas en marcha, coma neste caso, polos representantes locais do mesmo partido do cal se deriva a propia situación en si mesma.
Deixando claro que non son os Concellos os que teñen que asumir estes custos, e que resulta imprescindible esixir coma corporación a modificación dos criterios incorporados, a nosa reivindicación proxéctase coma unha medida excepcional que pode supoñer un gran alivio para moitas familias do noso Concello e a posibilidade dun futuro en igualdade de oportunidades para a mocidade das parroquias.