Opinión

Humanización: Acción e efecto de humanizar ou humanizarse. (Real Academia Galega, 2012)

 

Pouco desenvolve o dicionario da Real Academia Galega o concepto de “Humanización” sen aclarar cal é o sentido da acción, malia ser un termo de relativo novo uso no urbanismo actual. Entendo que en pasadas décadas a humanización das rúas nas vilas galegas tería outro significado en tanto que poñían ao vehículo privado como elemento principal: grandes espazos dedicados a aparcamento, prioridade de circulación a certa velocidade, beirarrúas estreitas, en fin … estábase a deturpar a utilización eminentemente peonil que tiñan e isto podería considerarse humanización xa que tamén era unha adaptación do entorno a unha nova realidade humana. Cando dicimos de alguén que é humano referímonos a que ten cualidades positivas para os seus semellantes, empatía, solidariedade … Pero, pola contra, se dicimos que un entorno natural virxe está a ser humanizado, para min isto tería claras connotacións negativas.

Vemos habitualmente ao goberno local en minoría, na presentación de obras de humanización case constantes nas rúas da vila. Na rúa dos Castros por exemplo, sen entrar no trazado nin na calidade de materiais senón no entorno do cruceiro e confluencias, é tal a concentración de mobiliario urbano (catro bancos, dez xardineiras, luminarias, sinais de tráfico) que impiden unha mobilidade peonil cómoda arredor do elemento principal que debería ser o cruceiro. Como din no gremio tal saturación de elementos impide calquera posibilidade de “diálogo” deste elemento principal, o cruceiro, cun entorno urbano xa moi degradado en si mesmo. Menos, nunca é máis, semella dicir. Vilalba Aberta propuxo en sesión plenaria dar continuidade á semi-peonalización desta confluencia ata ao Mercado, para ir gañando así espazos que están sendo de uso preferente para o vehículo privado. Co custe de tanto mobiliario urbano poderíase financiar en parte esta necesaria actuación de continuidade ata unila coa rúa dos Pepes, en clara aposta pola mellora da accesibilidade para o entorno do mercado tamén moi degradado, no que xa so queda un posto aberto ao público.

Pero a humanización entendida como: Ter en conta a actividade diaria das persoas usuarias de determinados espazos públicos ou privados, non debería limitarse unicamente a unha única cuestión estética. A meirande parte do parque de vivenda privada de Vilalba, foi construído entre os anos oitenta e noventa, décadas de incuestionable hexemonía do Partido Popular, responsable do desastre por ser quen máis licenzas de obra concedeu en toda historia. Aquela explosión urbanística tamén foi unha humanización aínda que no sentido máis negativo. Estas vivendas están cheas de barreiras arquitectónicas que son auténticas trampas para as persoas que as ocupan e que a día de hoxe son xa maiores e con mobilidade reducida ou mesmo discapacitadas. A humanización neste senso está clara e debería estar dirixida a garantir a independencia destas persoas para o cal é imprescindible e irrenunciable a colaboración directa do goberno municipal cos departamentos de servizos sociais e urbanismo no sentido de poñer todos os medios a disposición deste colectivo, establecendo procedementos simplificados que lles dean prioridade e máis facilidades na tramitación tanto dos títulos habilitantes como nos procedementos de axudas públicas para a eliminación destas barreiras que moitas veces son motivo de abandono desa vivenda con destino a unha residencia ou centro de día (fóra do concello) ou a outra vivenda, extraéndoas do que foi o seu entorno vital durante décadas.

Todas as forzas políticas con representación municipal en sesión plenaria, recoñeceron de xeito unánime que existía un problema co urbanismo en Vilalba, sen entrar en máis, eu digo que probablemente sexan máis de un. É urxente empezar a reverter esta situación á espera do tan ansiado PXOM (que chegará demasiado tarde, se chega) eliminando en primeiro lugar as barreiras administrativas e burocráticas que tal e como temos documentado poden chegar a ser máis infranqueables cas propias barreiras arquitectónicas. O colectivo de persoas maiores e ou discapacitadas deben ser un dos eixos principais en torno ao cal se constrúa o novo urbanismo vilalbés, pode ser que algún día cheguemos a entendelo.

 

Carlos Xosé Currás é membro de Vilalba Aberta

Deixa unha resposta

O seu enderezo de correo electrónico non será publicado. Os campos obrigatorios están marcados con *

Deixar resposta