Dende a asemblea de Vilalba Aberta vimos de solicitar con motivo de urxencia a comparecencia do Alcalde, Agustín Baamonde, logo de contrastarmos a situación de absoluta irregularidade que se deriva do cambio de actividade que sucedeu ao cese e posterior venta dos terreos e a nave sobre a que se asentaba unha antiga empresa de prefabricados.
Ben visible ao carón da circunvalación, no linde da parroquia de Sancovade; a nova actividade – un desguace de camións – lévase a cabo dende hai aproximadamente un ano sen que ninguén reparase na ilegalidade manifesta que supón unha muda destas características nunha zona especificada coma chan rústico a efectos de administración.
Os trocos na actividade empresarial están delimitados en terreo rústico aos que gardan relación coa anterior,isto é: a transición dunha explotación avícola a cunícula ou a mesma de prefabricados á única produción de vigas. Ademais, non hai notificación alguna do feito de que a nova actividade tivera a aprobación municipal a través da comisión de urbanismo.
Neste senso, o compañeiro Modesto Renda asegurou sentir vergoña logo achegarse in situ a coñecer da man da veciñanza a situación de indefensión dos que se atopan máis cercanos ao desguace. “Malos cheiros, molestias constantes e a intolerable posición de risco que se derivan da existencia dun terraplén de escasos 10 metros entre a última ringleira de camións e a primeira casa”, relatou o noso edil.
É por isto que urxiu a Baamonde a saír ao paso dando “todas as explicacións pertinentes e necesarias” para que “con luz e taquígrafos, o conxunto dos vilalbeses/as poidan coñecer a verdade do acontecido”. Paralelamente, traballamos xa nos pasos a seguir unha vez se fagan públicas as explicacións do rexedor.