Logo de tres meses da súa aprobación e en base á denuncia dunha veciña nai dunha nena con diversidade funcional, levaremos de novo esta problemática ao pleno co fin de que os nosos parques infantís conten con criterios de accesibilidade universal.
O custo da adaptación atópase dentro dun rango orzamentario perfectamente asumible para este tipo de instalacións urbanas.
Na sesión plenaria do pasado mes de Novembro e no marco dun Plan de Accesibilidade Municipal, aprobábase por unanimidade dotar aos nosos parques infantís de accesos e elementos para que os nenos/as con diversidade funcional puideran gozar dos mesmos en igualdade de condicións.
A medida contaba co noso apoio ademais, polo feito de que unha reivindicación como a da accesibilidade nos parques infantís permitiría concienciar á nosa veciñanza sobre a necesidade dunha accesibilidade universal e o deseño común a través dunha proposta amplamente apoiada e percibida como algo necesario por todos/as, sen excepción.
Lamentablemente, logo de tres meses e en base a unha denuncia que chegou a nós a través da testemuña dunha veciña nai dunha nena con diversidade funcional, vémonos na obriga de expor de novo esta problemática co obxectivo desexable de que a maior parte dos parques do noso Concello conten con criterios de accesibilidade universal, xogos e randeeiras, onde poidan xogar xuntos todos os nenos/as, independentemente das súas capacidades.
Na Orde Ministerial VIV/561/2010 pola que se desenvolve o documento técnico de condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e utilización dos espazos públicos urbanizados especifícase o seguinte:
Artigo 8. Sectores de xogos.
(…) 2. Os elementos de xogo, xa sexan fixos ou móbiles, de carácter temporal ou permanente, permitirán a participación, interacción e desenvolvemento de habilidades por parte de todas as persoas, considerándose as franxas de idades a que estean destinados.
Hoxe en día estas condicións continúan a non se cumprir nos nosos parques infantís e son varios os menores con dependencia diagnosticada, aos que compre sumar un número non menor de fillos e fillas de visitantes con dependencias e necesidades especiais.
Os nenos con necesidades especiais son moitas veces os grandes esquecidos, ao non ter voz propia como colectivo. Con todo, nas diferentes enquisas realizadas aos pais e nais destes menores recóllese a imperiosa necesidade, entre outras, de espazos de xogos inclusivos.
Neste sentido o noso rogo, relativo a que con carácter inmediato se proceda ao cumprimento do acordado en sesión plenaria coa instalación de randeeiras e xogos adaptados nos parques infantís do termo municipal e se faga dos seus accesos unha superficie igualmente adaptada e universal.