Propoñemos a creación dunha brigada de limpeza e intervención sobre os bens arqueolóxicos municipais, co fin de acometer a limpeza dos elementos vexetais, entullos e maila sucidade superficial dos nosos xacementos arqueolóxicos.
Son variados os exemplos de Concellos onde se desenvolveron iniciativas neste senso, supoñendo estas o inicio dunha nova etapa de revalorización das súas vilas e parroquias.
Dende a asemblea de Vilalba Aberta vimos de dar a coñecer a nosa derradeira iniciativa a debater no vindeiro Pleno Ordinario de Maio. Unha proposta ao conxunto de grupos con representación na corporación en base á Lei 5/2016, de 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia. Nela, establécese unha correspondencia de colaboración entre a administración autonómica e as corporacións locais, para adoptar, en caso de urxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens do patrimonio cultural de Galiza que se viran ameazados (art. 3.2) pois os concellos teñen a súa responsabilidade á hora de conservar os bens arqueolóxicos presentes dentro dos seu territorio.
Pero a maiores de calquera consideración legal, dende a nosa asemblea consideramos que a administración local ten que achegarse ao patrimonio cultural abordándoo como unha gran oportunidade en termos, tamén, de dinamización económica e creación de emprego e nunca non como un problema que ten que resolver vía lexislación e regulamentos.
O patrimonio é, pois, unha arma cargada de futuro para o conxunto das veciñas/os que nos organizamos en torno a Vilalba Aberta. Unha asemblea, a nosa, que dende fai meses está a advertir coma un perigo o feito de que o Goberno Municipal de Vilalba se estea a permitir o luxo de desdeñar o seu patrimonio cultural, en tanto que fonte de riqueza para a vila e parroquias.
Para elo, consideramos necesario en primeiro lugar conservar os nosos bens, para en fases posteriores, abordar a súa recuperación.
Nos últimos anos, son variados os exemplos de Concellos onde se están a desenvolver iniciativas de valorización do patrimonio municipal. Traballos que, á vez que poñen fin a tempos de esquecemento e degradación, supuxeron o inicio dunha nova etapa de ennobrecemento e revalorización de vilas e cidades.
Neste senso a nosa iniciativa, a fin da creación dunha brigada de limpeza e intervención sobre os bens arqueolóxicos municipais, que se encargaría de acometer a limpeza de elementos vexetais, entullos e sucidade superficial dos xacementos arqueolóxicos de Vilalba.
A brigada encargaríase de actuacións de limpeza e conservación non intrusivas nos xacementos arqueolóxicos, xa foran producidas por axentes antrópicos ou por degradación natural. Dentro das súas competencias poderían estar:
– Limpeza vexetal mecánica, de carácter manual. Usando o material axeitado (desbrozadoras, rastrillos, sachos,…), eliminarían a cuberta vexetal que impide a súa perfecta contemplación, previndo ademais o efecto nocivo dos incendios forestais sobre os bens arqueolóxicos. En casos especiais nos que existira un problema grave de conservación, poderíase contar co apoio dos técnicos dos xardíns do Concello.
– Limpeza no xacemento e no seu entorno, eliminando materiais fora de contexto tales como entullos, refugallos, acumulacións de terras,….
– Puntualmente poderían acometerse traballos de acondicionamento no entorno dos xacementos –sen incidir directamente neles-, encamiñados a mellorar o seu aspecto e a percepción polo público (reparación e acondicionamento de valados, accesos, sinalizacións,…
En todos os casos, a rigorosidade e a meticulosidade estarían sempre presentes. Actuaríase baixo os preceptos do Decreto 199/97, do 10 de xullo, que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, e cada unha das actuacións quedaría reflectida en fichas sistematizadas elaboradas ao respecto: documentaríase o antes, os procesos de limpeza e conservación, e o aspecto final.
Lembrar, finalmente, que o modelo económico hexemónico no noso tempo, expón a sorte dos municipios aos vaivéns conxunturais, isto é: calquera industria, calquera sector produtivo pode quebrar. O noso patrimonio cultural, pola contra, non. É unha materia prima de carácter público, que se pode transformar nun produto cultural (entendéndoo non só dende unha óptica económica, senón tamén social, educativa, didáctica,…), que supoña unha alternativa e/ou complemento ao tecido económico tradicional dos devanditos entes municipais.