A súa aplicación implicaría a total privatización de servizos aínda pertencentes ao ámbito municipal, ademais de pechar as portas a calquera tentativa de remunicipalización.
No plano dos dereitos laborais, preocupa o feito de que o TTIP apoie a eliminación dos dereitos de folga, do dereito de sindicación e o fin da negociación colectiva.
O compañeiro Modesto abordará no vindeiro pleno municipal a necesidade de que o Concello se sitúe institucionalmente en contra do Acordo Transatlántico de Comercio e Investimento (ATCI), máis coñecido polas súas siglas en inglés como TTIP e que dende 2013 a Comisión Europea está a negociar co goberno dos EEUU.
Un tratado de liberación do comercio e os investimentos, impulsado polos lobbies transnacionais e manobrado de costas á cidadanía, que para a nosa asemblea representa unha ameaza, en tanto que antepón o interese comercial ao interese xeral e atenta contra a autonomía das corporacións locais, poñendo en perigo os nosos servizos públicos, así coma o modelo social e laboral do que nos dotamos.
Co propósito de reducir as barreiras non arancelarias, o acordo pretende eliminar calquera tipo de barreira reguladora que limite ou se opoña ao actual modelo depredador das grandes corporacións e que sitúa os intereses do capital, por enriba das persoas e do noso medioambiente.
Esta maior liberalización dos intercambios económicos e comerciais entre os dous maiores bloques económicos mundiais esixe a rebaixa dos actuais estándares europeos, anulando con iso as regulacións que protexen ao consumidor, aos traballadores e ao medioambiente. Desta maneira as leis do comercio e dos negocios primarían sobre calquera outra consideración social, relegándose a segundo termo as lexislacións nacionais, rexionais ou locais en vigor. Así, a lóxica imposta por este tratado levaría ao desmantelamento dos servizos públicos, así como á perda de liberdade dos poderes locais para fornecer os servizos necesarios para satisfacer as necesidades sociais das súas poboacións e a promoción de políticas de fomento da actividade económica e do emprego local.
E é que un dos principais obxectivos do TTIP é a liberalización total dos servizos públicos e a transferencia da prestación dos mesmos a empresas transnacionais, así como das compras e licitacións de bens e servizos que xestionan as Administracións Públicas, comprometendo a autonomía local e a facultade outorgada aos representantes elixidos para a administración das corporacións locais, así como a pequena e mediana economía local e as condicións e dereitos laborais dos traballadores.
A aprobación do TTIP levaría así á total privatización de servizos de ámbito municipal en áreas tales como a sanidade, a educación, os servizos sociais e culturais, a subministración de auga, as infraestruturas, tamén o transporte público e as comunicacións, e a xestión de residuos, entre outras, ademais de pechar as portas a toda posibilidade de remunicipalización dos mesmos.
Son moitos os municipios que dentro da Unión Europea están a declararse contrarios ao devandito tratado e alertando dos seus efectos negativos sobre a actividade económica e o emprego local, isto é: sobre a redución de salarios, o aumento das deslocalizacións e a eliminación de pequenas e medianas empresas en todos os sectores. No plano dos dereitos laborais, preocupa o feito de que o TTIP apoie a eliminación dos dereitos de folga, do dereito de sindicación e o fin da negociación colectiva.
Neste sentido, e en base ao que a súa aplicación implicaría para os nosos veciños e veciñas, dende a asemblea de Vilalba Aberta impulsaremos todas as accións e medidas necesarias para que este tratado non se aplique no noso Concello, comezando polo rexistro desta moción que a continuación podedes contrastar, a fin da declaración institucional do Concello de Vilalba como Municipio oposto ao TTIP.