A súa aplicación en espazos públicos representa un perigo para a veciñanza e os traballadores/as municipais que o empregan, así coma para o noso gando, a nosa flora e a nosa fauna, dada a súa toxicidade.
Concellos como Ames e Ponteareas xa se declararon libres deste herbicida. Outros como Marín, Arzúa, Santiago de Compostela ou Barcelona veñen de aprobar mocións neste sentido.
Diferentes estudos demostran que o Glifosato, compoñente básico dos herbicidas de uso máis estendido como o Roundup e outras marcas comerciais, ten efectos moi tóxicos sobre o medio ambiente e segundo outros, incluso para a nosa saúde.
Amplamente utilizado para o control da maleza nas contornas urbanas, solares, parques, paseos, cunetas e infraestruturas de transportes, entre outros; o seu uso, frecuente tamén a nivel doméstico para a fumigación de parcelas, xardíns e hortos, presenta unha serie de contraindicacións, en tanto que como herbicida total non selectivo que é, ademais de infiltrarse con facilidade é moi soluble na auga e persistente no solo. Neste senso, o Glifosato atópase tamén detrás da contaminación hídrica e resulta tóxico tanto para a fauna acuática coma para o noso gando.
Por outra banda, cada preparado herbicida que o contén vén acompañado doutras sustancias que, ao tempo que facilitan a súa absorción, multiplican tamén a súa toxicidade. Entre estes ingredientes están o N-nitroso glifosato que, como outros compostos nitroxenados, é canceríxeno, e o formaldehido, outro carcinóxeno coñecido que se forma durante a descomposición do glifosato.
Así, atopámonos co feito de que a aplicación dun herbicida como o Glifosato en espazos públicos constitúe un risco ao que se somete á poboación, aos traballadores municipais que o empregan, ao gando, á flora e á fauna, así coma tamén ao chan e ás augas, dada a súa toxicidade.
A Directiva marco para un uso sostible dos praguicidas, aprobada polo Parlamento Europeo o 13 de xaneiro de 2009, no seu Capítulo IV, artigos 11 e 12, expón que: “Os Estados membros, tendo debidamente en conta as medidas apropiadas para a protección do medio acuático, a auga potable e os requisitos necesarios de hixiene e saúde pública e a biodiversidade, ou os resultados das avaliacións de risco pertinentes, velarán porque se minimice ou prohiba o uso de praguicidas nas seguintes zonas específicas: ao longo das estradas […], nos espazos utilizados polo público en xeral, ou por grupos vulnerables, como os parques, xardíns públicos, campos de deportes e áreas de recreo, recintos escolares e campos de xogo e os espazos próximos aos centros de asistencia sanitaria”.
A devandita directiva foi trasposta no Real Decreto 1311/2012, que establece o marco de actuación para conseguir un uso sostible dos produtos fitosanitarios, e que ten como obxectivo a redución dos riscos e os efectos do uso dos produtos fitosanitarios na saúde humana e o medio, e o fomento da xestión integrada de pragas e de formulacións ou técnicas alternativas, tales como os métodos non químicos.
Este Real Decreto contempla que as súas disposicións “entenderánse sen prexuízo de que a Administración competente en cada caso poida aplicar o principio de cautela limitando ou prohibindo o uso de produtos fitosanitarios en zonas ou circunstancias específicas”.
Xa son moitos os gobernos e autoridades que están a limitar ou abandoar o seu uso e actualmente en Francia estúdase mesmo a posibilidade de prohibir a súa venda. Ademais, diversas deputacións e concellos do Estado Español tamén están a limitar ou erradicar o uso de herbicidas e de glifosato debido aos impactos ambientais e sobre a saúde dos seres vivos.
Neste sentido a nosa moción, a fin da súa prohibición en todos os lugares públicos do concello, estradas e redes de servizo, así coma a súa substitución por métodos mecánicos e/ou térmicos non contaminantes, ou por sustancias de comprobada eficacia fronte aos riscos como o ácido acético, capas de geotextil ou mulching, que non danen a saúde nin o medio ambiente. Uns métodos, que xa se están a aplicar na maioría de países da Unión Europea e que teñen, ademais, un maior potencial en termos de xeración de emprego.