Logo de contrastarmos a situación de absoluta irregularidade relativa ao cambio de actividade que lle sucedeu ao cese e á posterior venta dos terreos e a nave sobre a que se asentaba a antiga empresa de prefabricados de Sancovade, dende a asemblea de Vilalba Aberta urxíamos a pasada semana á comparecencia do Alcalde, a fin de que os vilalbeses/as puideran coñecer a verdade do acontecido. A resposta non se fixo agardar, e foi no contexto dunha entrevista radiofónica – e non a través dunha rolda de prensa pública tal e como pedíamos – cando o popular Agustín Baamonde recoñecía que o novo uso dos terreos non constaba como tal no arquivo municipal. Unhas explicacións que, logo das probas aportadas por Vilalba Aberta e a denuncia dos veciños afectados, significaban na práctica que o desguace de camións de Sancovade – ben visible ao carón da circunvalación – está a operar dende hai aproximadamente un ano sen que ninguén dende o Goberno Municipal fixera nada diante da ilegalidade manifesta que supón unha muda destas características nunha zona especificada coma chan rústico a efectos de administración.
É por isto que vimos de anunciar a posta en marcha de medidas legais e a solicitude paralela dun Pleno Extraordinario de Reprobación, logo dunhas declaracións que cualificamos de burla á veciñanza, máis se cabe cando a nova actividade parou por completo logo da advertencia efectuada pola nosa asemblea. Neste senso, o compañeiro, Modesto Renda, apuntou directamente diante a prensa aos vínculos entre as derradeiras titularidades e a agrupación do PP de Vilalba, e acusou ao Goberno Municipal de “saltarse a lei para favorecer aos amigos, namentres os vilalbeses/as que loitan por sacar adiante os seus pequenos negocios con arranxo á legalidade son tomados por parvos” polo que cualificou coma “un atallo de caciques”, sentenciou.
Os nosos seguintes pasos faránse públicos o vindeiro martes logo da asemblea que, con carácter extraordinario, celebraremos o día 30 (20h e no Hostal Restaurante Terra Chá) e á que convidamos á veciñanza que desexe coñecer todas e cada unha das particularidades deste caso, a fin de decidir co seu voto o seu sentido dos mesmos.