O pasado venres día 8 deu comezo a campaña electoral de cara ás Eleccións Municipais do vindeiro 24 de Maio. Unha data que marcará o inicio da revolución democrática no conxunto do País da man de centos de Plataformas Cidadás entre as que destacan a Marea Atlántica na Coruña, Compostela Aberta, a Marea de Vigo, etc… así coma tamén no resto do Estado con Barcelona en Común, liderada pola activista Ada Colau e Ahora Madrid entre outras. Revolución democrática, e inicio dun cambio histórico do que Vilalba non será unha excepción.
Un profundo cambio na forma de gobernar, así como na promoción de formas de participación directa dende o común, que poñan as institucións en mans de todas e todos. Unha xestión municipal que respecte criterios de xustiza de xénero e social, ecoloxicamente sostible e que non funcione como axencia de colocación de dirixentes políticos e amizades.
Unha democracia, en definitiva que se artelle en torno ás consultas veciñais vinculantes, que axuden a tomar decisións compartidas e lexitimadas e recupere os servizos públicos e os poña a disposición dos veciños e veciñas e non de intereses económicos particulares.
#ChegouAHora do protagonismo veciñal!