Proposta 1. Vincular a execución da nova fase do Polígono Industrial á construción dun Centro Municipal de Protección Animal, a fin da correcta recollida e atención temporal dos animais domésticos, xeralmente cans e gatos extraviados, abandonados ou vagabundos, ata a súa recuperación polos propietarios ou a súa entrega en adopción. A este respecto, dúas son as liñas estratéxicas polas que se caracterizará o novo proxecto:
- Será xestionado en colaboración co asociacionismo en defensa dos animais local e posibilitará albergar nas mellores condicións de espazo a entre 20 e 25 cans e a un mínimo de 10 gatos. Nesta liña, contará cunha distribución interior e outra exterior ou de esparexemento individual valada perimetralmente, ademais dunha área específica destinada á ubicación das gateiras. Dúas naves nunha, de tal forma que se poida habilitar de forma independente o uso de ambas.
- Dará pé á contratación directa de 2 persoas de Vilalba (unha delas con titulación veterinaria), co fin de que, en quendas de mañá e tarde, se ocupen da xestión das instalacións, organización administrativa, información ao público, así coma da atención clínica dos animais albergados.
Proposta 2. Aprobación dunha Ordenanza Municipal de Protección, Benestar e Tenza Responsable, co fin de protexer, defender e fiscalizar os dereitos dos animais, así coma regular os dereitos e deberes dos seus propietarios e a propia convivencia entre os animais que viven na contorna urbana e rural e os seus habitantes.
Unha profunda revisión, con respecto ao papel exercido ata o de agora polo Concello, en base aos seguintes criterios:
- Aumento das sancións en tres tramos diferenciados, tendo a consideración de leves (de 150€ a 500€ de multa), graves (de 500€ a 1500€) e moi graves (de 1500€ a 15000€) as seguintes infraccións:
- Ensuciar cos excrementos dos animais as beirarrúas, vías urbanas, espazos públicos e calquera o lugar destinado ao tránsito de peóns (150€)
- A posesión dun can sen microchip de identificación (500€)
- O abandono non reiterado dun animal (1000€)
- A venda ambulante de cans e gatos nos mercados e as feiras (1500€)
- O abandono reiterado dun animal (5000€)
- A esterilización, a práctica de mutilacións innecesarias, as agresións físicas que producen lesións ao animal e o sacrificio de animais sen control veterinario (15000€)
- Obxectivo Vilalba cara o Sacrificio Cero. Para loitar contra a lacra do abandono, as voluntarias/os en defensa dos animais no Concello de Vilalba realizan enormes esforzos, dignos de eloxio, para coidar, esterilizar e dar en adopción aos animais abandonados. Con todo, e a fin de avanzar cara a unha solución, a nova Ordenanza recollerá as seguintes medidas:
- Campañas Municipais educativas e de concienciación social contra o abandono e a favor da adopción.
- Programas continuados de esterilización de cans e gatos, tanto daqueles que se atopen tutelados, como dos que vivan na rúa, no caso dos gatos. Todos os animais tutelados polo novo Centro de Protección Animal serán obrigatoriamente esterilizados, por criterios de saúde, para evitar camadas non desexadas e para garantir a esterilización antes da súa adopción.
- Blindaxe dunha dotación orzamentaria suficiente (soamente ampliable) para o Centro de Protección Animal e a asociación colaboradora.
- Aplicación do método CES (Captura – Esterilización – Solta) para o control e coidado das colonias felinas, en base ao elevado número de gatos que viven nas rúas da vila. Trátase dun modelo ético, práctico e de eficacia contrastada en numerosas vilas e Concellos, pois ao tempo que garante a defensa das necesidades das colonias, reduce e actúa progresivamente sobre a problemática da sobrepoboación.
- Eliminación da taxa relativa á expedición ou renovación da licenza de tenencia de PPP (cans potencialmente perigosos). Non parece lóxico que se lle estea a cobrar aos veciños/as unha taxa abusiva, ao tempo que noutros concellos o custe é 0.
Proposta 3. Habilitación de entre unha e dúas Zonas de Esparexemento Canino (Pipicán) vía aluguer ou compra de terreos por parte do Concello. A maior sensibilidade social cara aos animais traduciuse tamén nun maior número de familias e persoas que comparten a súa vida con animais domésticos ou de compañía, en pisos ou vivendas urbanas. Animais que, a pesares dos esforzos e desvelos dos seus donos, pasan encerrados máis de 20 horas nas vivendas e cuxas saídas para correr, socializar e xogar se reducen aos límites dunha correa por imperativo legal.
Neste senso, a delimitación de entre unha e dúas zonas verdes valadas, coa iluminación adecuada, papeleiras, sinalización vertical e pensadas para que os animais poidan permanecer (acompañados dos seus donos) soltos, axudará aos cans para desafogar as súas enerxías, librarse por un intre da correa e facer exercicio xogando e socializando entre eles, o cal é básico para ter cans sans, felices e sen comportamentos problemáticos. E todo iso nunha contorna segura onde non corren risco de ser atropelados ou perderse.
Proposta 4. Creación da Concellería de Defensa Animal que centralice as competencias e estea asesorada polo asociacionismo en defensa dos animais local. Un departamento con competencias exclusivas no ámbito da defensa dos animais, que facilite o labor da Administración á hora de evitar as prácticas ilegais ou que supoñan un prexuízo para estes. Ademais, habilitarase, a través da mesma, un teléfono gratuíto que facilite á veciñanza toda a información relativa á protección dos animais: contactos coas asociacións, co Centro Municipal de Protección Animal, comunicación con Protección Civil ou coa Policía ou Garda Civil para a interposición de denuncias por malos tratos, etc.
Proposta 5. Vilalba Libre de Circos con Animais Salvaxes. A Unesco prohibiu en 1978 a explotación dos animais cun fin lúdico e a nova lexislación afirma que as instalacións circenses non respectan o benestar animal ao non ter a capacidade de satisfacer as condicións fisiolóxicas, mentais e sociais dos animais. Ademais, a vida circense comporta horas e horas de transporte dunhas cidades a outras en reducidas gaiolas e, a miúdo, atados en espazos insalubres e que chegan a alcanzar nalgúns casos temperaturas extremas.
Por estas razóns, non autorizaremos a instalación deste tipo de espectáculos elevando a rango de ordenanza municipal a prohibición.