A Praza da Constitución de Vilalba, foi o lugar escollido para a celebración, o pasado venres, do debate en conversa organizado pola asemblea de Vilalba Aberta “Candidaturas de unidade popular. As mareas e as súas experiencias”.
Un encontro este, entre as candidaturas cidadás que concorreron ás pasadas eleccións municipais na Coruña, Santiago, As Pontes ou Vilalba cos nosos veciños e veciñas, os cales tiveron a oportunidade de conversar e coñecer de primeira man a realidade dos disitintos procesos e experiencias municipalistas que, ao igual que ocorreu no caso de Vilalba Aberta, foron o resultado de exercicios amplos de confluencia: confluencia de cidadáns e cidadás, de organizacións sociais, de plataformas cidadás e nalgúns casos tamén de partidos políticos xunto aos movementos máis vivos e dinámicos das nosas vilas e cidades e que achegou unha enorme experiencia e diversidade ademáis de poñer en común o mellor de si para contar coa oportunidade de chegar ás institucións e convertelas no que sempre deberon ser: o lugar onde se representa a vontade dos veciños e veciñas e onde se defende o ben común e a xustiza social para todas e para todos.
Así, e coma parte dun mesmo movemento municipalista artellado para a posta en marcha dun proceso de cambio real social e político pensado por e para a cidadanía; tomaron a palabra Florentino Balado en representación de Compostela Aberta, Marcial Blanco e Mónica Balado pola Marea Atlántica, María Chao e Jéssica Fernández de Xunt@s por As Pontes e o compañeiro Marcos Maoxu coma anfitrión e representante de Vilalba Aberta.
No debate, moderado polo noso concelleiro Modesto Renda, todos os representantes coincidiron en definirse coma cidadáns comúns facendo política co único fin de devolver o protagonismo aos veciños e veciñas nas xestións municipais e apostaron por mudar as regras do xogo, para o que se revelou ás claras a necesidade de gañar froito da dificultade que conleva o feito de artellar alternativas en contextos de oposición tal e como acontece tanto nas Pontes coma en Vilalba.
Neste sentido, os poñentes, destacaron tamén que todas as iniciativas reunidas comparten ademais a idea de colaboración coa que foron desenvolvendo as súas estruturas e o seu programa, asegurando que en todos os lugares das que proveñen se poden atopar altos niveis de desigualdade debido a unhas políticas para as minorías dende concellos hostís e concebidos coma realidades alleas que reiteradamente actúan de costas á cidadanía.
Dende a asemblea de Vilalba Aberta queremos dar as grazas unha vez máis a todos os compañeiros e compañeiras da Marea Atlántica, Compostela Aberta e Xunt@s por As pontes que se desprazaron á vila para poñer en común con nós e os nosos veciños e veciñas as súas experiencias; e por suposto e como non podía ser doutro xeito enviarvos unha aperta fraterna a todos os vilalbeses e vilalbesas que vos achegastes e que, tal e como pretendía a propia concepción do acto, fostes os verdadeiros protagonistas ao igual que o seredes do cambio que máis cedo que tarde, do mesmo xeito que aconteceu na Coruña e en Compostela, chegará ao noso concello e para o cal agardamos que a nosa asemblea, que é tamén vosa, poida ser unha ferramenta útil.
Mil grazas a tod@s! Continuemos a traballar, porque lles imos gañar!