Vilalba Aberta fixo público este martes o que será o seu lema para a campaña electoral das Municipais: “Agora Si”.
María Xosé Fernández, acompañada das número 4, 6 e da primeira reserva da nosa candidatura: Mónica González, María Pérez e Iria Currás, respectivamente, foi a encargada de presentalo. Na rolda de prensa, celebrada nos xardíns do Hostal Restaurante Terra Chá, estivo tamén presente o noso voceiro e Candidato á Alcaldía, Modesto Renda.
Segundo explicou Fernández, o lema pretende ser un chamamento “a todos eses veciños e veciñas, heroínas e heroes cotiáns, que nos últimos anos se apertaron o cinto, seguiron tirando para adiante, seguiron a facer milagres coas economías familiares; pero que sentían que ningunha forza política os representaba, pasando a engrosar as filas da abstención.”
“Nestes últimos 4 anos moitas e moitos deles nos escribiron, confiaron despois de anos sen confiar en ningún partido e viron como as súas problemáticas chegaban unha a unha ao salón de Plenos” lembrou a compañeira Mónica González.
“A abstención é a segunda forza política do Concello”, e é por isto que queremos dicirlle a toda esa veciñanza farta do clientelismo e o desgoberno, mais tamén farta da política e do tradicional “ti máis” entre o Goberno e a oposición, que se o 26 de Maio volven a confiar, agora acudindo masivamente ás urnas, Agora Si, podemos gañar un Concello para a xente.” Apuntou, a este respecto Iria Currás.
En palabras de María Pérez: “As próximas eleccións municipais en Vilalba poden ser un antes e un despois. E en Vilalba Aberta entendémolas coma o momento para o que nacemos. Vilalba é unha terra de xente traballadora. Unha terra de convivencia, tolerancia e solidariedade. Por iso, cremos, toca estender o exemplo e a capacidade de esforzo da veciñanza ao Concello, logo de 40 anos do mesmo e máis do mesmo. Os vilalbeses e as vilalbesas somos mellores que iso e queremos demostralo”
“Agora Si” coma lema de campaña pretende ser tamén unha resposta a todos eses vilalbeses e vilalbesas, tradicionais votantes do PP ou doutras forzas da oposición e que, a través das redes ou na rúa, nos dixeron durante estes últimos catro anos que se puideran dar a volta atrás, e logo de coñecernos nas institucións e poder contrastar o noso traballo, optarían por Vilalba Aberta” apuntou o noso Candidato á Alcaldía, Modesto Renda.
“Agora Si, porque queremos construír un Concello con eles“, continuou. “Unir á veciñanza en torno a ideas de sentido común, independentemente de onde veñan ou do que votaran no pasado: baixo esa premisa naceu Vilalba Aberta e baixo esa premisa deseñamos esta campaña.
PRESENTACIÓN DA CANDIDATURA
Vilalba Aberta anunciou tamén que arrancará a súa precampaña este sábado 4 de Maio e a partires das 12:30h, cunha festa/vermú de Presentación de Candidatura na Praza da Constitución.
“Música e o protagonismo veciñal” para un formato de “festa mitin”, presentada por Mónica González, e na que intervirán a número dous da candidatura, María Xosé Fernández; os números 6 e 5 María Pérez e Carlos Currás, e que será pechada polo Candidato á Alcaldía, Modesto Renda.