Vilalba Aberta presentou este xoves as liñas e imaxe da súa campaña de cara ao 28M. Baixo o lema “A túa voz é a nosa tarefa” a formación municipalista tratará de facer valer a súa “capacidade de traballo e de escoita” co fin de dar resposta a “todos eses veciños/as que se senten defraudados co PSOE; pero que non están de acordo en que a solución pase pola volta do PP.”
Así o explicou a súa responsable de Organización, Mónica González, asegurando que centrarán a campaña nos “problemas reais dos veciños/as”, pois – lembrou – “foi VA quen se deixou a pel nos últimos 4 anos visitando cada recuncho da vila e as parroquias e traballando Pleno tras Pleno para contrapoñer solucións en positivo.”
“Cada vez hai máis xente farta das escusas e confrontación baleira que o que quere é escoitar alternativas aos seus problemas para conciliar a vida laboral e familiar; para atopar un emprego na vila; para emprender un proxecto na súa parroquia; para sacar adiante o seu comercio ou para volver cada día á súa vivenda sen deixarse as rodas do seu vehículo. Destes problemas, recalcou, falará VA.
GOBERNAR VILALBA DENDE VILALBA CUN ALCALDE SEN ATADURAS
Na presentación do lema, tamén interveu o candidato á Alcaldía da formación, Modesto Renda, e fíxoo para explicar as bases da nova Vilalba que, como Alcalde, aspira representar: “Unha nova Vilalba que confía en si mesma e que quere que o Concello se goberne desde aquí. Rematou o tempo de que a última palabra a teñan aqueles que lle deben o seu posto ao partido e se decida en despachos de Santiago.”
Renda, que pechou o acto declarando que “Vilalba non é unha sucursal”, apelou a construír “unha nova Vilalba gobernada dende Vilalba”, cun goberno “forte e leal” e un Alcalde que defenda a súa xente sen complexos e sen ataduras”.