“O meu xeito de traballar no rural será reunirme coa veciñanza “parroquia a parroquia”, expoñer o diñeiro co que se conta no Concello e que sexan os veciños/as os decidan as prioridades”. Así resumiu o novo Vicealcalde de Vilalba, Modesto Renda, a súa primeira medida como responsable de obras no rural.
Unha iniciativa pioneira que, tal e como explicou, “camiñará paralela á da continuada execución das obras comprometidas”. Así, lembrou, o proceso de escoita suporá o cumprimento dunha das medidas que con máis forza defendeu na pasada campaña electoral: “Queremos gobernar escoitando e o meu obxectivo como responsable de infraestruturas rurais será facer xustiza en materia de investimentos coas parroquias”.
A primeira das xuntanzas tivo lugar este martes día 11 na parroquia de Nete (21:15h) e a esta seguiralle outra o vindeiro venres á mesma hora na parroquia de Distriz.