Vilalba Aberta desmarcouse da votación dos Orzamentos, celebrada onte en sesión extraordinaria na Casa Consistorial. Precedida dunha acción de protesta á entrada do Pleno na que se puideron ler lemas tales coma “Orzamentos da imposición”, “Transparencia” ou “Desinformación”, a nosa decisión chega logo da nosa denuncia, relativa á intencionada falta de planificación do Goberno Municipal, así coma de criticarmos que se pretenda aprobar o instrumento político máis importante do que dispoñen os Concellos pola vía rápida, sen debate, sen un procedemento serio de negociación e de presentación de emendas, tal e como acontece no común dos municipios, e por medio dun pleno improvisado, cuxa primeira data coñecemos a través dos medios de comunicación.
Unha mostra máis da “falta de seriedade e rigor” que, tal e como expuxo na súa quenda de intervención o noso voceiro e Candidato á Alcaldía, Modesto Renda, se deriva do “absoluto caos na xestión” do Partido Popular no Concello de Vilalba, concretado un ano máis nun “intolerable desprezo” á democracia municipal e á veciñanza que no ano 2015 optou por confiarlle o seu voto ás diferentes forzas da oposición.
“O inexplicable xeito de facer deste Goberno, o absoluto caos no que teñen sumida a esta institución “chega ao nivel de convocar tarde, mal e “a rastras” unha farsa de debate, sen tan sequera cumprir cos mínimos previstos pola lexislación local, en canto ao dereito á información dos Grupos Municipais e da veciñanza que a solicita” remarcou Renda.
Na mesma liña, lembroulle ao Alcalde que “é grave ,non, gravísimo” que “tal e como se recoñeceu dende Secretaría na pasada Comisión de Asuntos do Pleno, os tempos de entrega da documentación de referencia, en relación á data de convocatoria da mesma, ademais de limitar a capacidade efectiva da oposición para realizar e cumprir coa nosa labor de fiscalización e control, supoñan “de facto” que todas cantas modificacións, aportacións e propostas que dende Vilalba Aberta e o resto de Grupos poidamos facer nesta sesión extraordinaria, en ningún caso van poder incorporarse a unha “proposta” de orzamentos, pechada e cociñada de antemán.”
Un feito, lembrou, que “ningunha maioría absoluta pode xustificar”, pois “máis alá de desvirtuar por completo a función desta cámara de representación, atenta directamente contra a democracia municipal e o dereito dos veciños/as de estar informados puntualmente do que se fai co seu diñeiro”
A este respecto, remitiu ao Alcalde ao debate entre candidatos da inminente campaña electoral. “As nosas emendas terán a forma de Programa Electoral e debateranse, por suposto, nun foro que posibilite que poidan aplicarse a través duns Orzamentos Municipais, isto é: no vindeiro debate electoral entre Candidatos/as á Alcaldía. Nunca máis un Concello sen a súa xente” sentenciou.