As reaccións ao anuncio de Baamonde, relativo á reposición do busto de Fraga non se fixeron esperar. E foi precisamente a nosa asemblea, e a través dunha comunicación de urxencia á prensa, a primeira en se pronunciar.
Denunciamos a opacidade coa que o Goberno Municipal está a manexar todo canto ten que ver coa restauración dun monolito que, ao noso xuízo, nunca debera correr a cargo da veciñanza, senón que debería ser íntegramente costeado pola Fundación. É por isto que vimos de rexistrar unha pregunta ao Alcalde, co fin de coñecer con exactitude o custo que a devandita reparación lle suporá á veciñanza de Vilalba. Pregunta, esta, que quixemos presentar acompañada dunha proposta ao Pleno, relativa á súa definitiva reubicación.
Porque non se pode consentir que, de novo, os cartos dos vilalbeses/as sexan os que financien os caprichos partidistas duns poucos. A este respecto, dende a asemblea de Vilalba Aberta reivindicamos altura de miras e normalidade democrática, a fin da apertura dun debate municipal no que defenderemos o definitivo traslado do busto ás depencias da antedita Fundación.