Dende Vilalba Aberta vimos de facer públicos os nomes dos 20 veciños/as que darán forma á lista completa da nosa Candidatura, de cara ás vindeiras Eleccións Municipais. Un anuncio, que chegaba logo do relativo ao nomeamento unánime do noso actual voceiro, Modesto Renda, coma Candidato á Alcaldía.
10 veciñas e 10 veciños, para unha lista electoral que cumpre escrupulosamente cos criterios de paridade e que, previa configuración en cremalleira, incorpora a seis novas caras (3 mulleres e tres homes) con respecto á presentada en 2015.
A este respecto, o número 2 será desta volta para María Xosé Fernández Pardo, que nas pasadas Municipais aparecía no posto número tres. Administrativa na empresa privada, ten 52 anos e, aínda que naceu e reside en Vilalba, mantén unha especial vinculación coa parroquia de Alba, en tanto que lugar onde aínda residen os seus pais. Participante de Vilalba Aberta dende a súa asemblea fundacional, participa do tecido asociativo vilalbés pola vía da súa afección á música tradicional galega.
Séguea no número 3 José Luís Barrio Díaz, bombeiro forestal e nado na Parroquia de Noche. Na actualidade reside na limítrofe Parroquia de Sancovade e é común velo practicando o seu deporte favorito, xunto aos seus compañeiros do Club de Atletismo de Vilalba.
No 4 repite Mónica González Fernández. Asturiana, reside en Vilalba dende hai 16 anos. Persoal laboral no sector público, aos seus 48 anos é, do mesmo xeito que María Xosé Fernández, participante activa da asemblea de Vilalba Aberta dende a súa fundación, así coma do tecido asociativo da localidade a través da Escola Municipal de Teatro.
As dúas primeiras caras novas con respecto á lista presentada hai catro anos, aparecen xa nos postos 5 e 6 coa presenza de Carlos Xosé Currás Pico e María Pérez Iravedra, respectivamente.
De Vilalba, 52 anos e administrativo no sector público, Carlos Xosé Currás figurará coma número 5, logo de resultar elixido de xeito unánime na asemblea do pasado venres. Un consenso, que continuou coa elección de María Pérez coma número 6. Veciña de Vilalba e de 29 anos de idade, estudou Educación Infantil e na actualidade completa a súa formación cos estudos de Educación Social.
Na sétima e oitava posicións aparecen Xosé Lois Paz Miragaya, traballador na empresa privada e veciño de Nete, e a autónoma de 38 anos, Tamara Rodríguez López (Vilalba), respectivamente. O pedagogo e veciño de Santaballa, Héctor Fernández Quintela (28), ségueos coma número 9.
Tras el, aparecen dúas novas caras máis, coa presenza nos números 10 e 11 da enfermeira de 29 anos e veciña de Vilalba, Patricia Fraga Díaz, e do técnico superior de transporte aéreo, Jorge Valverde Rico (54 anos, Vilalba e nado en Frankfurt), respectivamente.
No número 12 volve de novo á lista a autónoma vilalbesa, Luz Seoane Álvarez, á que lle sigue outra das caras novas da formación. De Lanzós, traballador do sector postal e activista LGTBI, Carlos Fernández Pajón (39) aparece na lista electoral de Vilalba Aberta, logo de ser parte fundamental da organización dos dous primeiros Orgullos LGTBI da historia do Concello.
Nos números 14, 15 e 16 figuran a traballadora do Servizo de Axuda no Fogar, María Xesús Ferreiro Ferreiro (Vilalba); o recoñecido escritor e filólogo de Xoibán, Martiño Maseda Lozano, e a estudante e veciña de Santaballa, Noelia Fernández Quintela.
No 17 repite o veciño de Vilalba e funcionario de xustiza, Francisco Xosé Roca Constenla, que precede á última das novidades da lista de Vilalba Aberta. Trátase de Iria Currás Gato (28), veciña de Vilalba, Licenciada en Historia da Arte (actualmente opositora) e activista LGTBI.
Pechan a Candidatura o editor científico Antonio Peteira Martínez (27 anos e de Vilalba), no número 19 e a mestra, pedagoga e tamén recoñecida escritora, María Xosé Lamas (Vilapedre), no 20.
Fronte a candidaturas que se deciden nos despachos dos partidos e nas semanas previas á campaña; Vilalba Aberta contrapón un traballo de meses na construción dun espazo amplo, no que foi benvido todo veciño/a que se recoñecera na necesidade dun cambio político social e de progreso de cara á construción dunha Vilalba á altura da súa veciñanza e culminado a través dun procedemento de elección aberto e asembleario, no que o protagonismo foi da mesma.
Un verdadeiro avance con respecto ao xeito de facer dos partidos políticos tradicionais que, xunto ao noso Programa Participativo en curso, está a involucrar tanto aos veciños dos barrios da vila coma aos que o son das parroquias, na ilusión compartida por unha proposta política á altura, con vocación de maiorías e que sexa quen de recuperar o Concello de Vilalba para súa xente.
CORPO DA LISTA DA CANDIDATURA
1. Modesto Renda Santiso
2. María Xosé Fernández Pardo
3. José Luís Barrio Díaz
4. Mónica González Fernández
5. Carlos Xosé Currás Pico
6. María Pérez Iravedra
7. Xosé Lois Paz Miragaya
8. Tamara Rodríguez López
9. Héctor Fernández Quintela
10. Patricia Fraga Díaz
11. Jorge Valverde Rico
12. Luz Seoane Álvarez
13. Carlos Fernández Pajón
14. María Xesús Ferreiro Ferreiro
15. Martiño Maseda Lozano
16. Noelia Fernández Quintela
17. Francisco Xosé Roca Constenla
S1. Iria Currás Gato
S2. Antonio Peteira Martínez
S3. María Xosé Lamas Fernández