Dende a asemblea de Vilalba Aberta vimos de rexistrar unha resolución de urxencia no Concello, co fin de esixir ao Goberno de Vilalba un total apoio institucional á folga feminista convocada a nivel mundial para este 8 de marzo, así como a todas as mobilizacións, accións e xustas reivindicacións do movemento feminista da antedita data en diante.
A convocatoria, á que dende a nosa asemblea cualificamos de moi positiva, responde ao impulso de multitude de organizacións feministas de todo o mundo. De aí, o noso intento de facela tamén extensiva ás mulleres de Vilalba co fin de conquistar tanto a folga laboral como a de coidados e consumo.
Porque rematar coa discriminación entre mulleres e homes esixe de necesarias políticas e accións concretas, máis aló das baleiras declaracións de intencións, pois os efectos da desigualdade entre sexos tradúcense na precariedade que reflicte unha fenda salarial de máis do 20% e na vergoña dos 1000 asasinatos en 14 anos no contexto dun só Estado.
Neste senso esixiremos tamén do Concello que facilite os medios materiais e de difusión dispoñibles para dar a coñecer as manifestacións, concentracións, actividades e actos que convoque o movemento feminista no 8 de marzo; a adopción de todas as medidas necesarias para garantir o exercicio do dereito fundamental de folga previsto na Constitución e na lei por parte de todas as mulleres traballadoras municipais que se sumen á Folga Xeral das Mulleres; a suspensión de todos os posibles actos institucionais no concello, tales como plenos municipais, comisións informativas, xuntas de portavoces ou calquera outra actividade institucional que poida intervir na participación en dita folga e a colocación da bandeira feminista na sede do Concello de Vilalba do 1 ao 9 de marzo coma símbolo de apoio á loita das mulleres.