Dende a asemblea de Vilalba Aberta anunciabamos na mañá de hoxe que trasladaremos ao Pleno as desoídas reivindicacións veciñais, relativas ás continuadas deficiencias no sistema de recollida de lixo nas parroquias. Facemos así visibles as dificultades coas que se atopan os veciños e veciñas do rural froito da caótica xestión municipal dos seus residuos e a total pasividade do equipo de Goberno e mailo Alcalde, diante do que definimos coma unha prestación de servizo absolutamente precaria e discrecional e cuxa calidade cualificamos de inaceptable para un Concello da entidade de Vilalba.
É por isto que urxiremos ao Alcalde a acometer coa maior brevidade posible, a revisión en profundidade de todo o sistema de recollida e tratamento de residuos nas parroquias, pola vía dun estudo que aporte os datos necesarios para arranxar un problema que carrexa un impacto social moi negativo, tendo en conta ademais dos problemas de salubridade, o impacto pouco decoroso que pode xerar nos visitantes que se achegan ao Concello nos meses previos ao verán.