O actual voceiro de Vilalba Aberta no Concello, o compañeiro Modesto Renda, será de novo o noso cabeza de lista nas vindeiras Eleccións Municipais. Un anuncio, que xa no día de onte contextualizabamos como a culminación dun proceso participativo iniciado no pasado mes de xullo, e ao que lle seguirá, este xoves 24, o anuncio da lista completa da Candidatura.
6 meses de traballo a fin de sumar indo máis aló das siglas e en base ao innegociable dun procedemento de elección aberta onde a protagonista fora a veciñanza, que remataban o pasado venres, coa celebración dunha concorrida asemblea (coma sempre aberta a toda a veciñanza) que referendou por unanimidade ao noso concelleiro coma Candidato.
PERFIL
Nacido hai 30 anos en Vilalba, a súa infancia transcorreu dacabalo entre a vivenda familiar da Rúa da Pravia e o veciño concello de Cospeito, onde residían os seus avós.
Profesor de música, estudou Xeografía e Historia pola UNED e o seu compromiso político comezou ao pouco de chegar á Universidade, onde, dende os 18, se implicou activamente no movemento político xuvenil e estudantil. Participa da asemblea de Vilalba Aberta dende a inaugural de Marzo de 2015 e nas pasadas Eleccións Municipais foi, con 26 anos, o Candidato máis novo á Alcaldía.
Catro anos nos que, da man do inxente traballo municipal, se erixiu coma unha das voces máis críticas coa xestión dos Gobernos de Criado e Baamonde, sendo especialmente relevante a súa pechada defensa da necesidade dun maior control e fiscalización sobre as empresas concesionarias dos servizos públicos municipais, da situación de vulnerabilidade dos veciños das parroquias ao respecto da problemática co lobo e o xabaril, así coma no que ten que ver coas deficiencias na recollida de residuos ou co sulfatado sistemático con Glifosato. Tamén, destacou a súa constante reivindicación dunha maior transparencia ao respecto da opacidade na redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal e da súa posición no tocante ao control dos gastos superfluos, pola vía da súa firme defensa da limitación de salarios na clase política e a erradicación do despilfarro nos gastos do Goberno Municipal e do seu persoal de confianza, entre outras….
Neste senso, non foron poucas as ocasións nas que se viu en solitario na corporación, ao respecto de cuestións que doutro xeito non terían aparecido no debate municipal. Sirvan coma exemplo a problemática relativa ás condicións laborais das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar; a súa postura pedagóxica ao respecto da remunicipalización do servizo da Piscina e do de comedor no Basanta Silva (advertindo neste último do que pasaría xustamente un ano despois); a súa proposta de Ordenanza sobre benestar, protección e tenza responsable de animais ou “arquivado” plan para a peonalización selectiva do casco vello.
A VECIÑANZA ANTES QUE OS PARTIDOS
Na mesma liña se pronunciaba esta mañá ante a prensa, “ilusionado e sen palabras” diante do “agarimo e confianza de todos veciños/as que participaron do proceso”, así coma “doutros moitos/as que, a través das redes ou na rúa” o convenceron da necesidade de que volvera dar un paso adiante, a fin de encabezar unha Candidatura, que sexa quen de “unir á veciñanza en torno a ideas de sentido común, independentemente de onde veñan ou do que votaran no pasado”
“Nestes catro anos levamos a cabo unha labor de oposición responsable, seria e en positivo. Unha lexislatura na que presentamos iniciativas innovadoras, perfectamente aplicables e por enriba de todo xustas; pero que se quedaron no caixón, logo de se atopar coa desidia e o boicot sistemático e paralizante do Goberno do Partido Popular. Necesitamos un Goberno que escoite en lugar de que bloquee. Fai falta traballo, ideas claras e vontade de servir á xente, incluída a que non pensa coma ti.”
A este respecto, remarcou, “A candidatura que terei a honra de encabezar non é unha candidatura de partido, senón que se trata dunha invitación colectiva, aberta e cívica, a todos os vilalbeses/as a traballar xuntos”. Porque “logo de 40 anos do mesmo e máis do mesmo, defenderei coma Candidato a necesidade dun novo pacto entre xeracións para devolverlle a dignidade ao noso Concello”.
“O importante non son os partidos, son as persoas, os feitos e a capacidade de mellorar con pequenos pasos a vida dos vilalbeses/as. Con ese espírito é co que quero chegar á Alcaldía”. Concluíu.