Vilalba Aberta ven de rexistrar unha nova iniciativa no Concello, relativa á insuficiente dotación de axentes no cadro da Policía Local. Unha proposta ao Pleno, que ten por obxecto instar ao Concello de Vilalba a se dirixir á AGASP (Academia Galega de Seguridade Pública) a fin da contratación temporal de persoal auxiliar, namentres non se cubran as vacantes de praza.
Criticamos que, logo de anos de continuadas baixas (traslados, xubilacións..), o Goberno non actuara e sexa precisamente agora, e en ano electoral, cando proceda a un anuncio baldeiro (o relativo á convocatoria da reivindicada oposición) sen tan sequera terse aínda aprobado a necesaria RPT (Relación de Postos de Traballo).
Con todo, e de aprobarse o – para Vilalba Aberta – inaprazable proceso de oposición libre, a fin de cubrir 3 das 4 prazas (quedando reservada a última para un eventual traslado de persoal); a incorporación dos que aproben non chegará ata o ano próximo, pois, logo das pertinentes probas, os axentes deben pasar por un período de prácticas de varios meses.
Neste senso a nosa proposta, a defender na vindeira sesión ordinaria de Xaneiro. Unha medida, a única posible a solicitar polo Concello, diante da actual situación dun corpo que pode pasar por un novo descenso de efectivos con dúas inminentes xubilacións, en base á aprobación da norma que permite aos/as policías locais retirarse aos 59 anos.
“Os municipios poden e deben solicitar da AGASP o chamamento da lista para cubrir de forma inmediata as súas necesidades urxentes, sempre e cando se cumpran os requisitos legais establecidos na Lei de Coordinación”. Argumentaba na mañá de hoxe á prensa o noso voceiro, o compañeiro, Modesto Renda.
A este respecto, exemplificou as carencias de persoal facendo referencia tanto á ratio recomendada pola lexislación autonómica, coma aludindo ao que ten que ver coas consecuencias directas da insuficiente dotación.
“O número de membros cos que conta actualmente o corpo (11) afástase por moito da cociente establecida pola Lei Autonómica de Coordinación de Policías Locais, e que recomenda que por cada 1.000 habitantes haxa unha media de 1,8 axentes. Neste senso, é a veciñanza a que, coma sempre, está a pagar en primeira persoa as consecuencias, coa inaceptable redución do servizo nocturno a tan só os venres, sábados e en vésperas de festivos.”
Na mesma liña se pronunciará no Pleno, a fin de conseguir o apoio dos diferentes grupos con representación na Corporación, e facendo, así mesmo, referencia aos cada vez máis frecuentes episodios de inseguridade na vila e o polígono, así como á necesidade dunha maior cobertura das horas de entrada e de saída nos colexios, ou á necesidade dunha mellor regulación do tráfico no centro.