Vilalba Aberta volve facer súa unha nova reivindicación veciñal, neste caso relativa ao deplorable estado dunha das beirarrúas da céntrica Rúa Alcalde Fraga Bello. A denuncia, que chegou á nosa asemblea o xoves da pasada semana, foi xa pertinentemente rexistrada no Concello e será no vindeiro Pleno Ordinario Xaneiro, cando ao Goberno Municipal lle toque dar conta diante dunha situación que dende Vilalba Aberta cualificamos de vergoña.
A este respecto, consideramos intolerable que, logo de se dirixir a veciñanza afectada en dúas ocasións ao Concello, se lles instara a falar eles mesmos/as cos propietarios. Un deixamento de funcións, que para Vilalba Aberta responde á enésima mostra de inoperancia por parte dun Goberno Municipal, responsable último de se dirixir aos propietarios, diante dunha situación de risco e incomodidade para os viandantes, así coma de claro prexuízo – no sentido estético – para os diferentes negocios e comercios.