No pasado mes de outubro, e logo de termos constancia do deplorable estado no que a auga da traída estaba a chegar a determinadas rúas do casco urbano, Vilalba Aberta tomaba a inmediata iniciativa e esixía responsabilidades ao Concello diante dunha problemática que cualificaba de estrutural. Apuntabamos nese intre ao Goberno coma garante da prestación dun servizo público fundamental, mais tamén á empresa concesionaria en tanto que encargada da correcta subministración. Neste senso, e ao tempo que reclamabamos unha solución coordinada así como a pertinente asunción de responsabilidades tanto por parte do Alcalde coma pola da adxudicataria, faciamos fincapé na posibilidade da creación dun fondo de compensación destinado a cubrir os recibos dos veciños afectados.
Un mes despois, e logo da persistencia dunha situación absolutamente insostible dende o punto de vista das familias e dos negocios das diferentes rúas afectadas, a requirida comparecencia do Alcalde chegaba ao fin pola vía dunha breve declaración á prensa, na que Baamonde afirmaba ter contactado aínda agora coa empresa a fin de achar coa causa da problemática.
“31 días de vergoña e de inaceptable parálise municipal” denunciaba hoxe o noso voceiro, o compañeiro Modesto Renda, que volveu facer patente a súa absoluta indignación logo de coñecer un tras outro os relatos dos veciños afectados. A este respecto, animou á veciñanza a reclamar diante de concesionaria e Concello e anunciou, ao respecto do vindeiro Pleno, que esixirá que non se lle pasen os recibos posteriores ao pasado 1 de Outubro a ningún veciño residente das distintas rúas afectadas.
Ademais, dende Vilalba Aberta demandaremos de novo garantías no tocante á salubridade dos depósitos, así coma o necesario endurecemento das medidas de control municipal á empresa adxudicataria.