A nosa reacción á posibilidade de que unha empresa privada se faga coa adxudicación da zona azul da Rúa da Pravia non se podía facer esperar. Neste senso, e a través dunha comunicación de urxencia á prensa, Vilalba Aberta manifestaba esta mañá a súas reservas diante do feito – desvelado antonte polo Alcalde – de que o regulamento da que será a primeira zona azul do Concello de Vilalba se estea a estudar cunha empresa privada. Un anuncio, que unido á posibilidade – recoñecida tamén polo Alcalde – de que se lle cobre aos veciños polo aparcamento, supón para a nosa asemblea un novo e intolerable intento de recaudar a costa da veciñanza por parte dun Goberno Municipal que acostuma a responder a intereses alleos e incompatibles cos da cidadanía á que di representar.
Na mesma liña se manifestaba diante dos medios o noso voceiro no Concello, o compañeiro Modesto Renda, afirmando que, de confirmarse a posibilidade “loitará contra a extensión en Vilalba dun modelo que hipotecaría á veciñanza, para ofertar un beneficio sen risco a contratas e subcontratas varias, e que se atopa detrás da maior parte dos casos de corrupción naqueles Concellos nos que se implementou.
“Estamos a falar dun modelo que pode servir para xestionar unha mercería, un supermercado ou unha tenda de camisas”, declaraba ao respecto do anuncio do Alcalde, “pero dende logo é unha opción por esencia perversa á hora de xestionar un servizo público, cuxa cota de beneficio para empresa sairá do peto dos vilalbeses/as.”
É por isto, que vimos de rexistrar unha nova iniciativa ao Pleno co obxectivo de que o Concello descarte a implantación dun sistema de cobro por estacionamento durante un período de tempo, e procure a necesaria mobilidade cun sistema de lectura de billetes – utilizado xa noutros municipios – fixándose para o mesmo un tempo máximo de estacionamento de unha a dúas horas e a partir do cal se de pé a unha sanción. Unha medida, que dende Vilalba Aberta – lembramos – podería levarse a cabo pola vía da ampliación do plantel da Policía Local e/ou a través da contratación directa de persoal.